Lorenzana participou hoxe na reunión do comité de seguimento de Alcoa, na que estiveron presentes, tamén, representantes do Goberno central, da empresa e dos sindicatos. Segundo dixo, tanto por parte da Xunta como do Executivo, o que se pediu foi “concreción” nos prazos, tendo en conta que, tal e como se expuxo na reunión, Alcoa conta con ter a mediados do mes de xuño, de darse o caso, ofertas vinculantes de compradores, avanzou.
A conselleira incidiu na importancia de garantir a “seriedade” e a “solvencia” das empresas con interese por adquirir a planta. E, nese sentido, apuntou que Xunta, Goberno central e Alcoa quedaron emprazadas a unha nova reunión a vindeira semana para ver as posibilidades de asinar un acordo de confidencialidade que dea amparo á comunicación entre a empresa e os dous gobernos, e que se comece a traballar no exame das ofertas.
Xunto con isto, volveu exixir a Alcoa que continúe traballando con normalidade, cumprindo o acordo e os investimentos comprometidos -nomeadamente o forno de ánodos-, que son imprescindibles para garantir a viabilidade e a competitividade da fábrica e, sobre todo, para que, se hai un novo comprador, colla a compañía nas mellores condicións posibles.
“A Xunta continuará apoiando o comité de empresa nestas reivindicacións e vixiante para que a empresa garanta ese mantemento da actividade industrial e dos postos de traballo que son fundamentais para o futuro industrial da Mariña e de toda Galicia”, concluíu.