A intervención, licitada por preto de 2,5 M€, acometeranse nas vías LU-530, LU-122 e LU-113, ao paso por Castroverde, Baleira, A Fonsagrada, Castro de Rei, Cospeito, A Pastoriza e Riotorto
Santiago de Compostela, 3 de abril de 2024. A Xunta recibiu 11 ofertas de empresas para executar as obras de mellora do firme en tres estradas autonómicas, ao seu paso por 7 concellos da provincia de Lugo.
En concreto, estas actuacións, que suporán un investimento de preto de 2,5 M€, levaranse a cabo en varios treitos das estradas LU-530, LU-122 e LU-113, ao paso polos municipios de Castroverde, Baleira, A Fonsagrada, Castro de Rei, Cospeito, A Pastoriza e Riotorto.
De xeito máis detallado, o contrato prevé actuar na estrada LU-530 entre as travesías de Castroverde e do Cádavo, ao longo dunha lonxitude de 8,78 quilómetros; e entre A Lastra e A Fonsagrada, en 19,34 quilómetros.
Na LU-122, actuarase no tramo Paraxes-Cruz da Cancela, nunha lonxitude de 20,12 quilómetros; e na LU-113, desde o final da travesía de Castro ata Xustás.
Estes traballos danlle continuidade aos traballos executados en anos anteriores, pois na LU-113 mellorouse en 2023 o firme entre os puntos quilométricos 0 e 6+000 nos concellos de Castro de Rei, Cospeito e Abadín.
Cómpre lembrar que no 2019 tamén se acondicionou a capa de rodaxe da LU-530 entre o inicio da estrada en Lugo ata a entrada a Castroverde.
O obxectivo da Xunta é adxudicar en xuño as obras e executar neste ano os traballos de acondicionamento nestas tres vías autonómicas recollidos neste contrato.
Cómpre lembrar que, desde a posta en marcha dos Plans de reforzo de firme no ano 2016, a Xunta destinou 32,8 M€ a renovar o pavimento das vías autonómicas na provincia de Lugo.
O Goberno galego continúa a traballar para manter as vías de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, destinando neste ano 53 M€ á súa conservación.
Plano de situación do tramo das obras proxectadas baixo este contrato: