O conselleiro do Mar en funcións e o presidente de Portos de Galicia visitaron o peirao
Alfonso Villares, que estivo acompañado polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, explicou que este investimento responde ás necesidades prioritarias detectadas nunha análise global realizada polo ente público para coñecer en detalle o estado dos firmes no conxunto dos 122 portos autonómicos. Deste traballo derivouse unha planificación de actuación a curto, medio e longo prazo na adecuación dos pavimentos para unha maior seguridade viaria.
O conselleiro en funcións defendeu a necesidade de que os profesionais do mar de Galicia conten cunhas instalacións portuarias que contribúan a incrementar a súa produtividade e permitan, ao mesmo tempo, mellorar as súas condicións de traballo. Outros dous peiraos da zona norte da provincia da Coruña onde se realizarán este tipo de obras serán os de Cariño e Cedeira.
No caso concreto de Ortigueira actuarase en dúas zonas do porto. Así, renovarase o firme na explanada situada diante da dársena deportiva así como no viario que discorre pola parte posterior dos xardíns da zona portuaria. As obras sairán a licitación nun contrato global para toda Galicia ao longo do primeiro semestre de 2024 e executaranse neste ano.
Varandas no paseo do Malecón
Durante a súa visita a Ortigueira, o conselleiro do Mar visitou tamén o paseo do Malecón no que Portos de Galicia vén de instalar varandas para maior seguridade peonil. Alfonso Villares explicou que os traballos consistiron na instalación de 120 metros lineais de varanda na contorna dos departamentos, unha zona recentemente urbanizada polo ente público cun investimento de 285.000 euros. A dotación das varandas realizouse durante o mes de xaneiro e Portos de Galicia investiu nesta actuación 30.000 euros.