A intención é poñelo en marcha, na modalidade dual, o curso que vén aproveitando as instalacións da Federación e do Concello de Mondoñedo
Santiago de Compostela, 2 de abril de 2024. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, e o presidente da Federación Galega de Espeleoloxía, Gonzalo Villarmea, reuníronse para abordar a posta en marcha dun ciclo nesta materia. Tal e como explica o representante do Goberno galego, neste momento existe o título de técnico deportivo en Espeleoloxía, sen implantación en Galicia.
O departamento educativo da Xunta de Galicia está a iniciar os trámites para intentar poñer en marcha este ciclo no curso 2024/25. Faríase na modalidade dual en colaboración coa Federación Galega de Espeleoloxía, aproveitando tanto as instalacións desta entidade, con sede en Mondoñedo, como as do Concello mindoniense.
“Estamos comezando xa a traballar nestes trámites e nos da elaboración do currículo galego destas ensinanzas deportivas”, afirma Román Rodríguez. No encontro participaron tamén a directora xeral de FP, Eugenia Pérez; o director do Instituto IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo, José Carlos García Barro; o concelleiro de Cultura, Educación e Novas Tecnoloxías de Mondoñedo, Alberto García Fernández, e a vicepresidenta da Federación Galega de Espeleoloxía, Noa Loira.