Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta convoca en maio, xuño e xullo aos propietarios dos terreos necesarios para realizar as obras da mellora da capacidade e seguridade da LU-540 entre Viveiro e Cabreiros

A previsión da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas é iniciar a primeira fase dos traballos, entre os quilómetros 5 e 20+090 desta vía autonómica, nos municipios de Viveiro e Ourol, neste verán, cun prazo de execución de 24 meses

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2024. A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de anunciar este luns 29 no Boletín Oficial da Provincia de Lugo a convocatoria, nos meses de maio, xuño e xullo, dos actos expropiatorios para executar as obras de acondicionamento da estrada LU-540 entre Viveiro e Cabreiros.

Esta actuación, na que a Xunta de Galicia vai investir un total de 15 millóns de euros e que permitirá o acondicionamento desta vía autonómica en sentido Viveiro-Lugo, abordarase en dúas fases, aínda que as expropiacións cobren o trazado completo nos concellos de Viveiro, Ourol, Muras e Xermade.

Os actos para o levantamento de actas previas á ocupación comezarán os días 28 e 29 de maio, entre as 09.00 e as 13.30 horas, na sala multiusos do Concello de Viveiro. Continuarán o día 30 no salón de plenos do Concello de Ourol, onde se desenvolverán entre as 09.00 e as 12.30 horas; e o día 4 de xuño no salón de plenos do Concello de Muras, de 09.00 ás 12.30 horas. Rematarán o 5 de xuño na biblioteca pública municipal de Xermade, de 09.00 ás 13.00 horas.

Posteriormente, o acto da formalización das actas de ocupación levarase a cabo os días 8 e 9 de xullo na mesma sala multiusos do Concello de Viveiro; o día 10 no salón de plenos do Concello de Ourol; o día 11 no salón de plenos do Concello de Muras e o 12 na biblioteca pública municipal de Xermade. En todos os casos, o horario será de 09.00 ás 13.30 horas.

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas ten en marcha a primeira das fases construtivas desta actuación, na que vai investir 8,2 millóns de euros e que ten un prazo de execución de 24 meses. O proxecto atópase en fase de contratación e a Xunta recibiu 11 ofertas para executar estes traballos, que se desenvolverán no treito da estrada LU-540, situado entre os quilómetros 5 e 20+090, ao paso polos municipios de Viveiro e de Ourol, cun total de 146 predios afectados. Das citadas 11 ofertas, 6 están conformadas por UTE, o que suma un total de 17 empresas. A tramitación en paralelo dos procedementos de adxudicación da obra e de expropiación permitirá o inicio das obras no mes de xullo.

No que se refire á segunda fase do proxecto, os traballos desenvolveranse entre os puntos quilométricos 20+090 e o 39+520, nos concellos de Muras e de Xermade. Neste treito, as actuacións centraranse no aumento da capacidade da vía nalgúns tramos en rampla, mediante a incorporación dun carril adicional para vehículos rápidos, reducindo a distancia entre os treitos de adiantamento contiguos.

A actuación na LU-540 permitirá reducir o tempo de viaxe e aumentará a seguridade no traxecto entre Viveiro e Lugo, con carrís de adiantamento, rectificación de curvas, reforma de interseccións e renovación do firme de todo o treito. Esta intervención fará posible que en todo o trazado se permita circular a 90 km/h.

A Xunta segue avanzando nos obxectivos da actuación de reforzar a competitividade territorial das comarcas da Mariña e da Terra Chá, mellorar a seguridade viaria dos condutores e ofrecerlles aos veciños desprazamentos máis cómodos e eficientes.

Exit mobile version