Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta apoia a celebración da XV Feira de Artesanía do Ferro de Riotorto, que nesta edición amplía programa e participación de artesáns

No programa deste ano haberá demostracións en vivo de artesáns galegos, de Ponferrada, Navarra, Alcalá de Henares e de Austria 

Lugo, 18 de abril de 2024. O concello de Riotorto será unha vez máis o epicentro da artesanía en ferro, grazas á celebración, este domingo 21, da décimo quinta edición da Feira de Artesanía do Ferro. Ao acto de presentación asistiu esta mañá a secretaria territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Marta Barreiro, en representación da administración que apoia esta cita, a través de Artesanía de Galicia, que aporta 12.000 euros. Xunto a ela estivo o alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias, e os artífices do evento, os integrantes da Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros de Riotorto, que organizan a feira xunto ao propio Concello.

Foron eles os que no ano 2007 decidiron promocionar este traballo artesanal cun encontro que foi consolidándose ao longo dos anos, e incorporando novas actividades e actos a un amplo programa, no que destacan as demostracións en vivo deste oficio artesanal, que, ao igual que moitos manuais, require de precisión, paciencia e dun laborioso proceso. Para todo iso, desde o primeiro momento, contaron co apoio da Xunta de Galicia, que leva investidos, a través de Artesanía de Galicia, un total de 90.000 euros desde a primeira edición.

En Artesanía de Galicia hai 15 obradoiros rexistrados na actividade de forxa e ferrería, dos cales sete atópanse na provincia de Lugo: tres en Riotorto (MAF, JOMACA e Manuel Pol Veiga), un na Pontenova, un en Cervo, un na Fonsagrada e un en Guntín.

A secretaria territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Marta Barreiro, destacou “a importancia desta feira para poñer en valor o traballo artesanal, que contribúe a divulgar e promocionar este oficio tradicional e a manter a actividade económica dos ferreiros da comarca. Ademais, esta feira funciona como un espazo para que as novas xeracións atopen referentes do oficio, fomentando o relevo xeracional”.

Ademais, tanto ela como o alcalde de Riotorto destacaron que “este ano a feira contará cunha maior representación de artesáns, xa que están programadas demostracións en vivo de ferreiros de toda Galicia, pero tamén de Ponferrada; do Centro de Interpretación de la Forja, Forjas-Brun, de Navarra; da fragua de Mink, de Alcalá de Henares; e dun ferreiro austríaco.

Completan o programa desta décimo quinta edición, demostracións doutros oficios artesanais como cristal tallado, cerámica, cestería, pirogravado, torneado de madeira, espectáculos infantís, charangas e actuacións musicais. Ademais, a feira, contará cunha exposición de produtos do campo.

Exit mobile version