A actividade na que participan 200 escolares de primaria de oito centros educativos da provincia forma parte do programa IlustrarNÓS da área de Cultural
A deputada de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüistica, Iria Castro destacou o valor educativo deste programa que continúa percorrendo a provincia e achégase a máis de 200 alumnos de oito centros de ensino da provincia. “Trátase dunha actividade que tras varias edicións esperta gran interese no alumnado, polo que o noso obxectivo e que continúe medrando e que achegue os coñecementos artísticos da ilustración a través das súas diferentes perspectivas”, afirmou.
7H Corporativa Cultural foi a encargada de dar esta formación na que explicou ao alumnado o proceso de creación desta arte, desde a concepción da idea ata a súa concreción, abordando as posibilidades narrativas e plásticas que ofrece este xénero. Tras unha primeira toma de contacto co fanzine, os alumnos e as alumnas póñense na pel dos ilustradores e elaboran o seu propio traballo.
A vindeira semana será a quenda do alumnado do CEIP Virxe da Luz, de Portomarín e o CPI de Cervantes, será o 29 dea abril cando se peche este ciclo no CEIP de Albeiros, de Lug. Anteriormente a Vicepresidencia achegou estes obradoiros ao CEIP Terra Chá, de Vilalba e o CPI Dr. López Suárez, de Friol.
Centros de ensino secundario e murais
O estudantado de secundaria tamén se formou a través de charlas a cargo da ilustradora lucense Rebeca Losada en catro centros educativos da provincia. Trátase do estudantado do IES Pedregal de Irimia, de Meira; o IES de Becerreá e, en Lugo, o IES Lucus Augusti e a Escola Superior de Arte e Deseño.
Na terceira edición do progama IlustrarNÓS tamén se inclúe a elaboración de murais homenaxe a Chichi Campos, ao que Galiza lle adicou en 2024 o Día da Ilustración, e Castelao, referente da ilustración do país, en espazos educativos. Sandra Lodi, As Vacas Fracas e Cecilia Salinas elaborarán os 9 murais que se proxectan en centros repartidos polas diferentes comarcas da provincia.
Outras actividades
Ata o 6 de maio o estudantado de centros públicos da provincia pode participar na III edición do Certame Escolar de Ilustración, convocado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo no marco do programa IlustrarNÓS, que pretende fomentar a creatividade e contribuír ao coñecemento das artes e artistas gráficos entre as xeracións máis novas.
A convocatoria diríxese a alumnas e alumnos de 5º e 6º de Primaria, Secundaria, Bacharelato e ciclos formativos, que deberán realizar ilustracións arredor da temática “festa”, representando graficamente vivencias, reflexións ou emocións relacionadas con celebracións e conmemoracións.
Iria Castro explicou que “a participación no certame se articula a través dos centros educativos que xa dispoñen das bases e fichas de inscrición” e lembrou que “na última edición se presentaron ao certame máis de 250 traballos, confirmando que se trata dunha iniciativa que permite traballar a expresión artística nas aulas e achegar ao alumnado a artistas referenciais neste ámbito como o propio Chichi Campos”.
Os traballos deben remitirse ao enderezo certame.ilustrarnos@gmail.com, a través dos centros educativos. Un xurado composto por persoas relacionadas co mundo da cultura, da edición, da ilustración e da docencia valorará as obras, tendo en conta aspectos como a relación da ilustración co tema proposto, a orixinalidade e creatividade na interpretación do tema ou a técnica e composición.
As autoras e autores das mellores ilustracións de cada categoría recibirán como como premio unha tablet con aplicacións de deseño gráfico e unha colección de libros ilustrados (álbum, banda deseñada, novela gráfica etc.).