Viveiro, 1 de abril de 2024. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, amosa a súa satisfacción polo éxito das celebracións da Semana Santa, unha das citas claves para a cidadanía e o sector turístico da vila.
A rexedora celebra que a situación meteorolóxica non impediu a celebración da Semana Santa en Viveiro. “Malia o prognóstico do tempo, que por desgraza afectou a moitas vilas de España, en Viveiro saíron todas as procesións agás a do domingo pola tarde, suspendida polas precipitacións”, sinala Loureiro.
“Viveiro acolleu de novo a unha gran cantidade de turistas, atraídos pola relevancia da nosa Semana Santa, que tamén ten un arraigo significativo entre os nosos veciños e veciñas, a quen lles agradezo a súa participación”, engadiu a rexedora.
Neste sentido, a alcaldesa estendeu o seu agradecemento “ás distintas Confrarías implicadas na organización das procesións, cuxo esforzo mantén viva a nosa Semana Santa”.
Ademais, a alcaldesa destaca as xestións realizadas polo Concello de Viveiro para garantir a seguridade durante a Semana Santa, dada a situación excepcional da Policía Local. “Ademais da Xunta de Seguridade, que se celebra de forma de forma ordinaria antes da Semana Santa, realizamos distintas xestións coa subdelegada do Goberno en Lugo para garantir a seguridade nunha das semanas máis importantes para a nosa vila”, indica a rexedora.
A alcaldesa sinalou que se xestionou a cobertura das carencias da Policía Local actuais, “resultando nunha garantía de seguridade e normalidade para a nosa cidadanía e as persoas que nos visitan, por iso, agradecemos o esforzo dos corpos implicados, como a Policía Nacional, a Garda Civil, a Policía Autonómica, Protección Civil ou o corpo de bombeiros”.