A concelleira de Turismo, Marta Saiz, dixo que “Ribadeo de Tapeo, por décimo octavo ano consecutivo, puxo onte o broche final a 9 días de cociña en miniatura. Desde a organización queremos agradecer especialmente a eses 24 establecementos participantes polo seu esforzo e traballo durante todo o evento, porque realmente son eles os que propician o éxito desta iniciativa xunto co público”.
Aedil ribadense contou que “foron moitas as persoas que decidiron saír a rúa e probar algunha das especialidades presentadas e cremos que o evento tivo moi boa acollida, dadas as moitas tapas servidas durante estes días. Ao longo da primeira semana un primeiro xurado, composto por Félix Martinez, da Escola de Hostalaría de Tapia, e Carlos Pérez, da Escola de Hostalaría de Foz, escolleron un total de 10 tapas finalistas”
As tapas finalistas foron:
1 Sardiña mariñada en ceviche de froitas e Xeado artesán de queixo do Cebreiro do Parador de Turismo como tapa doce.
2 Choco ilustrado do Ramonita
3 Terra, mar e lume de El Oviedo.
4 Fishn’t chips do Kalpa Amodiño Taberna Gastronómica.
5 Somos a horta do Hotel A.G. Porcillán.
6 Homenaxe ao cantábrico do Restaurante Marinero
7 O mar na nosa casa do Rincón do Gordo
8 Cesta sorpresa do Araucaria.
9 Da miña terra na categoría de Tapa Doce, do Cayo Coco.
Saiz relatou que “destas tapas finalistas, o xurado profesional conformado por Sindo Pose e Marta Ventura, ambos representantes da primeira xeración de Argentinos Burguers que foron seleccionado neste 2024 como mellor hamburguesa do Estado, acompañados por Ana Martínez e Héctor González, en representación das Escolas de Hostalería de Foz e de Tapia respectivamente, e tamén formou parte do xurado Elio Fernández Peláez do restaurante El Ferpel Gastronómico, que conta cunha Estrela Michelín”.
O xurado profesional decidiu que o primeiro premio, o segundo e o terceiro respectivamente fosen para:
– Sardiña mariñada en ceviche de froitas do Parador de Turismo.
– Choco ilustrado do Ramonita.
– Terra, mar e lume de El Oviedo.
Na categoría de Tapa Doce, o premio foi para Xeado artesán de queixo do Cebreiro do Parador de Turismo. E como tapa + Sostible o premio foi para Terra, mar e lume de El Oviedo. Tamén houbo unha mención especial para o Kalpa Amodiño por ser a máis atrevida.
A concelleira de Turismo engadiu que “queda agora por coñecerse o premio á mellor tapa do público. En canto coñezamos os votos das furnas que se deixaron en cada local daremos a coñecer o resultado”.