Será ás 12 horas diante do centro de saúde da vila
A Mariña 11 de abril de 2024. A Plataforma Sanitaria da Mariña convoca unha concentración o vindeiro domingo 14 de abril ás 12 horas diante do Centro de saúde en resposta á falta de médicos que veñen de sufrir durante toda esta de semana.
O centro de saúde do Valadouro conta con dúas prazas de medicina de familia. Desde hai xa moito tempo , trala xubilación dun dos facultativos o centro conta cun só médico habitualmente, ao non substituirse o oco que deixou esta xubilación. Máis está semana @s pacientes que se achegaron ao centro de saúde para recibir asistencia sanitaria atopáronse con que non había ningún médico, persistindo esta situación durante o resto da semana. Desde os servizos administrativos do centro indicóuselle á veciñanza que debían achegarse ata o centro de saúde da veciña localidade de Alfoz ou, en caso de urxencia deberían acudir ao seu PAC, en Burela.
Esta situación, que se vai manter durante toda a semana, causou malestar entre as múltiples persoas que se achegaron ata o centro, xa que esta localidade leva moito tempo co persal facultativo reducido á metade, motivo polo que deciden contactar co colectivo sanitario.
Desde a Plataforma Sanitaria denuncian a situación sanitaria da localidade, que non é nova e está a enquistarse pola decisión da Xerencia de non substituir o persoal que falta. Hai moita indignación entre as veciñas e veciños , pois levan moitos anos loitando por unha asistencia sanitaria completa que desde o Sergas se lles está a negar xa desde hai uns dez anos cando decidiron suprimir o sevizo de pediatría compartido con Alfoz e que a data de hoxe non se repuxo, obrigando ás crianzas a desplazarse ata o centro de saúde de Foz.
O colectivo sanitario mariñao anima a todas as veciñas e veciños de Valadouro, así como de Alfoz e de toda a comarca a que acudan a esta nova xornada de mobilización na que esixiremos que de dote adecuadamente a este centro de saúde do persoal que precisa para atender adecuadamente á poboación todos os días.