Será o venres 12 de abril ás 12 horas coincidindo coa concentración de SOS Sanidade Pública diante do Parlamento galego
A Mariña 9 de abril de 2024. A Plataforma Sanitaria da Mariña ven de convocar unha concentración diante do Centro de Saúde de Ribadeo, ás 12 horas do venres 12 de abril, día internacional da Atención Primaria e coincidindo coa concentración que ese mesmo día ten convocada SOS Sanidade Pública, colectivo do que somos parte, diante do Parlamento galego.
A concentración , baixo o lema “Unha vez máis, na defensa da atención Primaria”, pretende denunciar a dramática situación que sufre este nivel asistencial tras as políticas de recortes e abandono aos que está sometida por parte do goberno da Xunta e do Partido Popular. A este respecto convén lembrar que organismos internacionais como a OMS ou Unicef estableceron hai anos que a Atención Primaria de Saúde debe incluir a toda a sociedade para garantir a atención sanitaria e o benestar social de xeito equitativo e centrado nas necesidades das persoas; recomendacións que desde o goberno da Xunta e a Consellería de Sanidade están a facer caso omiso ao promover a precarización deste nivel asistencial, recortando orzamento e persoal e sen garantir unha atención integral e de calidade.
Na Mariña a situación da Atención Primaria é crítica
Na comarca da Mariña, cunha poboación de máis de setenta mil habitantes, o desmantelamento e privatización da sanidade pública están a producir un dano irreparable, pois os territorios rurais, cunha poboación moi envellecida e dispersa son os máis sensibles e os máis perxudicados por esta estratexia política destrutora.
Desde o colectivo sanitario sinalan que todos os Centros de saúde da comarca están a sufrir eivas importantísimas na dotación de persoal que inciden directamente no seu normal funcionamento. As ausencias de persoal facultativo ou incluso as prazas vacantes por xubilacións nos se estar a substituir, xenerándose por unha banda unha sobrecarga de traballo inasumible por parte d@s médic@s que teñen que asumir os cupos das persoas que faltan. Esto non só acontece no caso do persoal facultativo, senón que temos importantísimas deficiencias tamén en matronas, pois nestes momentos a comarca dispón de tres matronas en primaria para atender a todas as mulleres mariñás.
A falta de pediatras é escandalosa na comarca
A falta de pediatras na comarca desde hai moitos anos non foi solucionada con esas promesas lanzadas en plena campaña electoral e que resultaron ser cantos de serea.
Desde Viveiro ata Ribadeo centos e centos de crianzas non dispoñen de pediatra desde hai moito tempo, tendo que ser atendidas moitas veces por médic@s de familia sen a formación específica en pediatría e tendo que soportar agardas moi importantes, desplazándose a outras localidades ou mesmo acudindo a pediatras privados se é que dispoñen de recursos.
Desde a Plataforma Sanitaria da Mariña animamos a todas as veciñas e veciños a que acudan este venres ás 12 horas ao centro de saúde de Ribadeo onde , neste día internacional da Atención Primaria para esixir ao goberno da Xunta que se vai constituir, o orzamento, os recursos humanos e materiais necesarios para que a Atención Primaria recupere a dignidade, calidade e eficiencia necesarias para atender á poboación como se merece.