A Mariña, 17 de abril de 2024. A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense organizou unha nova sesión de formación para os membros do SICTED da Mariña. Os integrantes que comezaron este ano, retomaron así a formación iniciada no pasado mes de marzo, mentres que os participantes que comezaron no 2023 iniciaron a súa formación obrigatoria deste novo ciclo.
En total son 45 os oficios que participan neste proxecto para a mellora continua da calidade nos servizos, completando un abano de axentes que non só ocupa a aloxamentos e restaurantes, senón tamén a outros axentes clave no destino como artesáns, guías de turismo, oficinas de turismo, empresas de turismo activo e museos.
A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, explica que “o encontro tivo por obxecto impartir a formación obrigatoria para as empresas e favorecer o encontro e conexión entre os axentes participantes, tecendo redes de colaboración e coñecemento do destino e dos seus activos”.
Presidenta e vicepresidenta da Mancomunidade, Rocío López e Ana Ermida, déronlles a benvida aos asistentes e agradeceron o seu traballo e a implicación na mellora continuada da calidade.
Tamén neste mes estanse abordando as asistencias técnicas coa visita e asesoramento nas propias empresas e a formación obrigatoria terá continuidade no mes de setembro, unha vez pasada a tempada de máxima afluencia.
O SICTED é un sistema de calidade, que a Mancomunidade aborda ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística, cofinanciado pola propia entidade de xestión, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo. Trátase dun plan que ten por obxecto potenciar o turismo en todas as vertentes da sostibilidade: económicas, socioculturais e medio ambientais, e garantir o desenvolvemento dun modelo sostible con visión a longo prazo”, indicou Tania Hermida, a xerente do Plan de Sostibilidade Turística.
Por outra banda, onte tivo lugar a charla técnica para os aloxamentos de Turismo Slow Norte de Galicia que queiran adherirse a Galicia Destino Sostible tras o acto de presentación do acordo entre as Mancomunidades da Mariña e Ferrolterra e o Clúster de Turismo de Galicia, que trata de que este proxecto promovido polas dúas mancomunidades pase a ser un criterio habilitante co cal as empresas poden adherirse de xeito directo ao club de produto a nivel galego.