As rutas, que contarán cun guía oficial de turismo, terán lugar os días 4, 5, 9, 11 e 12 do vindeiro mes, e as inscricións poderán realizarse na web http://inscricions.deputacionlugo.org dende este mesmo luns
As visitas faranse os días 4, 5, 9, 11 e 12 de maio e estarán dirixidas por un guía oficial de turismo. Cada itinerario conta cun máximo de 20 prazas, polo que no conxunto do programa ofértanse un total de 340 prazas. As rutas non inclúen servizo de transporte, polo que os participantes deberán desprazarse por conta allea ata o lugar onde se desenvolve cada un dos itinerarios.
Para participar é preciso realizar previamente as inscricións a través da web http://inscricions.deputacionlugo.org dende este mesmo luns, 29 de abril, ata completar o aforo. As persoas interesadas tamén poderán anotarse chamando aos teléfonos 982.260.011 e 982.260.234, ou dirixirse ao correo electrónico romanico@deputacionlugo.org
A Deputación de Lugo ingresou no 2020 na Ruta da Transrománica, recoñecida oficialmente co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa, o que situou ao románico lucense no nivel máis alto de recoñecemento europeo.
A programación organizada este ano pola Deputación con motivo do Día da Transrománica é a seguinte:
Sábado, 4 de maio
– 10:30 horas. O románico nas Terras da Ulloa: Antas de Ulla.
– 16:30 horas. O románico nas Terras da Ulloa: Palas de Rei e Monterroso
– 16:30 horas. O románico no Xeoparque das Montañas do Courel
Domingo, 5 de maio
– 10:30 horas. A basílica de San Martiño de Mondoñedo
– 11:00 horas. O románico de Chantada.
– 16:30 horas. Taboada: O románico menos coñecido.
– 17:00 horas. O Románico Urbano. Visita a unha importante vila medieval no reino de Galicia: Viveiro.
Martes, 9 de maio (Día da Transrománica)
– 11:00 horas. A Catedral de Lugo e a cidade medieval.
– 18:30 horas. Presentación da Guía Lugo Románico: Lugo, Terra Chá, A Mariña. No claustro da Catedral de Lugo.
Sábado, 11 de maio
– 10:30 horas. Monforte Monumental
– 11:00 horas. O Románico no Camiño de Santiago: Portomarín e Paradela.
– 16:30 horas. Sarria: O Románico nos Hospitais Medievais de Peregrinos.
– 16:30 horas. O Saviñao: Románico con vistas ao Miño.
Domingo, 12 de maio
-11:00 horas. Tesouros do Románico Rural en Lugo e Guntín.
-11:00 horas. Santa María de Meira.
-11:00 horas. Pantón: A Ruta do Monacato Feminino.
– 16:30 horas. Dez séculos no concello de Sober: Dos Romanos ao Románico.
Promoción europea
A Ruta Transrománica está recoñecida oficialmente co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa e trátase dunha das principais rutas culturais paneuropeas. Está integrada por rexións de 9 países da Unión Europea -Austria, Alemaña, Francia, Italia, Romanía, Portugal, Serbia, Eslovaquia e España- e aglutina un conxunto de monumentos románicos, moitos deles declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
A provincia de Lugo é o terceiro lugar de toda España que forma parte desta entidade, despois de Castela e León, co mosteiro de Santo Domingo de Silos, e a cidade de Zamora, e conta na súa ruta con 10 igrexas de arte románica situadas noutros tantos concellos da Ribeira Sacra: o mosteiro do Divino Salvador, en Ferreira de Pantón; a igrexa de San Xoán da Cova, en Carballedo; a igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada; a igrexa de San Pedro de Ribas Altas, en Monforte de Lemos; a igrexa de San Facundo de Ribas de Miño, en Paradela; a igrexa de San Nicolás ou San Xoán, en Portomarín; a igrexa de Santa María de Torbeo, en Ribas de Sil; a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, no Saviñao; a igrexa de Santa María de Proendos, en Sober; e a igrexa de Santa María de Taboada dos Freires, en Taboada.