Site icon Crónica3.com A Mariña

A Concellería de Emprego de Viveiro convida a asistir ao taller de redes sociais para empresas de Acelera Pyme Lugo

A concelleira Iria Cotelo, sinala que “esta iniciativa gratuíta é unha marabillosa oportunidade para que as persoas emprendedoras de Viveiro poidan levar a súa empresa ao seguinte nivel”

Viveiro, 8 de abril de 2024. A Concellería de Emprego do Concello de Viveiro convida á veciñanza que poida estar interesada nel a asistir ao obradoiro en liña sobre redes sociais para empresas organizado por Acelera Pyme Lugo.

A actividade, chamada “Aprende a xestionar as túas redes sociais de 0 a 100”, será totalmente de balde e terá lugar este mércores, día 10 de abril, de 9:00 a 10:00. Para participar só é necesario o rexistro previo no enderezo web https://zfrmz.com/Iia8LUYjhgE6R5vay1J0

A concelleira de Emprego de Viveiro, Iria Cotelo, sinala que “esta iniciativa gratuíta é unha marabillosa oportunidade para que as persoas emprendedoras de Viveiro poidan levar a súa empresa ao seguinte nivel”.

Con este taller, Acelera Pyme Lugo, entidade pública parte do programa nacional do mesmo nome, permitirá ás persoas participantes descubrir como optimizar a presencia dun negocio en redes sociais.

Tratarase dun seminario en liña onde se explicarán as cuestións básicas das redes sociais e se aportarán diversos trucos para impulsalas. Será impartido por Geraldine Míguez da axencia VisualPublinet.

Entre os temas que se tratarán no obradoiro están: que e cantas redes sociais debe ter un negocio e como crealas, como deseñar unha estratexia de redes, como impulsar os perfís, como programar e calendarizar os contidos ou que ferramentas empregar para a xestión de redes.

Exit mobile version