Site icon Crónica3.com A Mariña

A asociación Saúde Mental “A Mariña” celebra as súas vodas de prata cunha gala benéfica que terá lugar o 18 de maio en San Cibrao

As entradas, que se poden recoller ata o 10 de Maio , teñen un prezo de 35 euros para as persoas adultas, e de 15 euros para os nenos/as

Cervo, 16 de abril de 2024. A asociación Saúde Mental “A Mariña” celebrará o vindeiro sábado, 18 de maio, unha gala benéfica para celebrar os seus vintecinco anos de vida, as súas vodas de prata baixo o lema “XXV anos comprometidos coa saúde mental”.

O evento, que terá lugar nunha carpa instalada na Praza dos Campos en San Cibrao, a partir das 20:30 horas, foi presentado por Jorge Manchado, Presidente da entidade, pola Directora Técnica Xeral de “A Mariña”, María José Nóvoa, pola alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e pola familia ao conxunto da Unidade Residencial de Cervo.

Nóvoa quixo agradecer especialmente ao Concello de Cervo a súa colaboración para que esta Gala, na que estamos a depositar tantas ilusións, sexa unha realidade “contribuíndo sempre coa súa sensibilidade a visibilizar a este colectivo e as enfermidades mentais, e a loitar contra un estigma social que aínda se detecta hoxe na nosa sociedade”.

Pola súa banda, Dolores García Caramés quixo poñer en valor o gran traballo que están a desenvolver desde esta Asociación cuxa primeira unidade residencial está ubicada en Cervo, sumándose á mesma unha nova sita na praza do pobo , medrando así en recursos para atender de forma integral a aquelas persoas que padecen un Trastorno Mental Severo “desde o Concello non podemos máis que poñernos sempre á súa disposición e colaborar en todo o que estea na nosa man, é un orgullo para nós ver como as persoas usuarias forman parte activa da vida de Cervo, contribúen xenerosamente a dinamizar o noso municipio, e se implican e participan en todas cantas actividades se programan”.

Tódolos usuarios tamén quixeron animar a toda a xente da Mariña a que participe nesta Gala Benéfica para colaborar co colectivo e así dar visibilidade e integración na comunidade ; para a que xa están á venda os tickets nos Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral de Burela , Viveiro e Ribadeo, nas dúas Residencias de Cervo (en horario de 10-14 h), no Restaurante O Noso Lar (San Ciprián) e na Cafetería Vista Alegre en Burela.

As entradas para adultos teñen un prezo de 35 € e poderán recollerse ata o 10 de Maio. Así mesmo, haberá ticket infantil por 15 euros. Unha parte do custo da cea será destinado integramente ao labor realizado nos distintos dispositivos da Asociación.

A Cea terá lugar ás 21:30 pero xa imos ter amenización musical dende as 20:30 h para todos aqueles que desexen bailar e unirse á festa dende a primeira hora co Trío Tapioka.

No transcurso da Gala tamén haberá sorteos e máis sorpresas.

Dende a Asociación “queremos convidar a todos os mariñáns a que se unan a esta xuntanza para desfrutar dunha noite divertida, relaxada e en boa compaña; e tamén para traballar todos xuntos por romper co estigma que acompaña ás persoas con enfermidade mental e mellorar a súa calidade de vida”.

Ademais de poder participar na propia gala, tamén se pode contribuir mediante donativos á Mesa Cero, para aquelas persoas interesadas en colaborar que non poidan asistir.

Por outro lado, as empresas e comercios que o desexen, tamén poderán colaborar aportando agasallos que se sortearán ao longo da gala.

SAÚDE MENTAL A MARIÑA

A entidade, cos seus Centros de Rehabilitación psico-social e laboral, situados en Burela, Viveiro e Ribadeo, así como co piso protexido, trata de mellorar a calidade de vida das persoas que padecen un trastorno mental crónico e das súas familias.
A apertura da Unidade Residencial en Cervo, así como a vivenda tutelada para mulleres vítimas de violencia de xénero con enfermidade mental, supuxeron un adianto cuantitativo en canto a dar cobertura integral a moitas persoas diagnosticadas de enfermidade mental crónica que precisan dunha atención residencial integral.

A todos estes dispositivos acabamos de sumar unha segunda Residencia , sita tamén en Cervo, chamada Residencia Resort de Saúde Mental A Mariña, nome que escollemos para formar parte da memoria histórica en canto ao coidado e o ambiente xerado ao noso arrededor.

A nosa misión é, pois, prestar unha asistencia continuada ás persoas con enfermidade mental persistente para lograr a súa rehabilitación, así como á das súas familias, na Area Sanitaria da Mariña de Lugo, así como a nivel autonómico; xa que temos usuarios/as procedentes de toda a Comunidade Autónoma, sempre tendo en conta os valores de profesionalidade, transparencia, traballo en equipo, eficacia, afecto, comprensión, implicación e seguridade.

As Enfermidades Mentais

As enfermidades mentais representan unha importante carga para os pacientes que as padecen e para as súas familias. Na súa inmensa maioría, aparecen en idades produtivas da vida, tendo un alto impacto social en termos de taxa de desemprego, absentismo laboral e perda de produtividade no traballo.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) estima que unhas 700 millóns de persoas no mundo padecen enfermidades mentais e neurolóxicas. Polo tanto, son enfermidades que padece unha gran parte da poboación; é máis, o 25% dos españois sofre alomenos un trastorno mental ao longo da súa vida.

Hai unha alta prevalencia da enfermidade mental. Algúns datos destacados93.000 casos de psicose ou esquizofrenia en Galicia, o que supón un 8,2% da poboación adulta.
Hai 55.124 persoas con certificado de discapacidade por enfermidade mental en Galicia, o que supón un 18% do censo de persoas con discapacidade.

O 85% da atención ás persoas con problemas de saúde mental recae sobre as familias.
Aumentou un 10,82% a incidencia da enfermidade mental no período 2011-2014. O que conleva a aclarar que o 7,4% dos galegos experimenta un trastorno mental cada ano.
O 43,6% das persoas con trastorno mental grave ou moderado non utilizan ningún servizo sanitario.

A alarma social dispárase cando a enfermidade mental se mistura con algún feito delituoso, sobre todo se é de carácter violento, e é entón cando se destapan as carencias e deficiencias do sistema para poder detectar a tempo os casos máis graves.

Polo tanto, se hai un incidente violento cunha persoa diagnosticada de trastorno mental severo, preguntamos que se fixo mal, que fallou no acceso desa persoa a un diagnóstico, tratamento e rehabilitación adecuados.

Sempre que se mencione, polo tanto, que os pacientes mentais graves poden ser violentos, debe lembrarse ao mesmo tempo, que o son menos que a poboación en xeral.

O tratamento das enfermidades mentais precisa dunha abordaxe global que inclúa atención médica, farmacolóxica, psicoterapéutica e familiar; pode levar unha vida autónoma igual que calquera outra persoa que padece outro tipo de enfermidade crónica.

Exit mobile version