“O Partido Popular debería realizar as xestións oportunas para que o IGVS, un organismo da Xunta, se fixese cargo da rehabilitación do inmoble para facer vivendas sociais”, explica María Loureiro
No pleno deste mércores e en resposta a unha moción do PP, o grupo de goberno xa deixou claro que “a Xunta de Galicia, a través do IGVS, ten diferentes liñas de axuda para rehabilitación de inmobles, pero unhas ás que se refire o PP non poden ser tramitadas polo Concello de Viveiro debido a que van dirixidas a concellos de menos de 10.000 habitantes”.
O PP trouxo ao pleno outro tipo de subvencións, neste caso para vivendas rehabilitadas en ámbitos históricos e de 55.000 euros. “Como vostede describe na súa moción, a edificación denominada Casa dos Maestros atópase nun estado lamentable. O Concello de Viveiro é consciente do estado da edificación, pero a intervención para a creación de vivendas sociais requeriría dun investimento superior aos 1,5 millóns de euros, podendo obter, no mellor dos casos, unha subvención de 55.000 euros por vivenda, o que acadaría unha subvención máxima de 660.000 euros. Evidentemente, este investimento non é asumible polo Concello de Viveiro”, apunta Loureiro.
En palabras da alcaldesa, “cómpre subliñar que, debido que para o concello é inasumible a realización das obras, debería realizar o PP as xestións oportunas para que o IGVS se faga cargo da rehabilitación do inmoble para poñelo a disposición daquelas persoas que necesiten vivendas sociais, que son unha competencia da Xunta”.
“Entendemos que esta actuación podería ser obxecto dun convenio, mediante o cal a Xunta asumise as actuacións e xestións referidas a esas vivendas, poñendo a disposición do concello a planta baixa para intentar manter as actividades de uso asociativo que actualmente se veñen levando a cabo nese inmoble”, remata Loureiro.