“A iniciativa busca achegar a Administración ás persoas maiores que viven no rural, facilitando as xestións de xeito presencial fronte a unha latente brecha xeracional e dixital”
Isabel Rodríguez subliñou a vontade do Goberno para “achegar a Administración Xeral do Estado aos cidadáns, facilitando e prestando axuda ás persoas maiores nas súas xestións de modo presencial”. Ademais, explicou que este novo servizo súmase aos existentes como a “Administración cerca de ti” ou o programa de carteiros rurais, ambos coa finalidade de que a veciñanza do rural, sobre todo a de maior idade, coñeza e teña a posibilidade de realizar trámites desde a súa localidade.
Os concellos lucenses que prestarán este servizo a partir do vindeiro 7 de maio son Abadín, Antas de Ulla, As Nogais, Baleira, Baralla, Begonte, Carballedo, Láncara, Navia de Suarna, O Incio, O Vicedo, Pantón, A Pobra do Brollón, Pol, Riotorto, Samos, Sober, Trabada e Xermade.
A subdelegada do Goberno en Lugo agradeceu a predisposición destes concellos para participar nesta proposta pioneira da AEAT, proporcionando espazos para que os contribuíntes podan realizar as videochamadas. Polo momento, esta iniciativa atópase nunha primeira fase piloto, de xeito que máis concellos dos 158 que integran os chamados de Reto Demográfico en Galicia serán susceptibles de unirse tamén ao programa.
Funcionamento do programa
A cita para o servizo de confección de declaracións por videochamada poderá solicitarse a partir do 29 de abril, comezando o servizo como tal o 7 de maio. As peticións de cita poderán facerse nas respectivas casas consistoriais e a través da sede electrónica da Axencia Tributaria, xunto co resto de servizos de asesoramento que ofrece. No momento en que un veciño ou veciña destes concellos solicite cita para facer a declaración da renda, ofreceráselles facela a través de videochamada. Coa cita xa na man, tan só terán que achegarse ao concello para ser atendidos por persoal da Axencia Tributaria. Na mesma videochamada xa poderá deixar presentada a súa declaración.
Ademais da posibilidade de pedir cita na sede electrónica, a Axencia Tributaria ofrece estes teléfonos de cita con atención persoal: 91 553 00 71 o 901 22 33 44 (de luns a venres, de 9 a 19 horas).