Representantes da Corporación Municipal asistiron hoxe á lectura do manifesto por este 8 de marzo
Viveiro, 8 de marzo de 2024. O Concello de Viveiro sumouse hoxe ás reivindicacións do Día Internacional da Muller 2024, cun acto institucional no que se procedeu á lectura dun manifesto. Nesto acto participaron a alcaldesa, María Loureiro, xunto á concelleira de Muller, Lara Fernández Fernández-Noriega; a primeira tenenta de alcaldesa, Míriam Bermúdez e o segundo tenente de alcaldesa, Jesús Fernández. Tamén acudiron a voceira do Partido Popular, Mariña Gueimunde, e o voceiro de Por Viveiro, Manolo Galdo.
No acto deuse lectura a un manifesto, no que se trasladou o compromiso do Concello de Viveiro coa loita pola igualdade de xénero en todos os ámbitos.
“Dende as institucións públicas temos a responsabilidade de seguir avanzando na igualdade para, dunha banda, manter os avances logrados e, doutra banda, seguir percorrendo o longo camiño ata a igualdade total”, apunta a alcaldesa, María Loureiro.
“O Día da Muller celébrase este 8 de marzo, pero a loita pola igualdade sucede cada día en distintos rincóns do mundo. Nese sentido, queremos reivindicar a situación das mulleres nos conflitos armados, como Ucraína ou Gaza entre moitos outros, cuxa forza e resistencia nos inspira cada día”, sinala a concelleira de Muller, Lara Fernández Fernández-Noriega.
Con motivo deste día, o Concello de Viveiro preparou un amplo programa de actividades, que se prolongarán ata o mes de maio. Mañá, sábado 9 de marzo, terá lugar ás 20:30 a representación da obra ‘Boa sorte, mala fama’ no Teatro Pastor Díaz ás 20:30, e, ás 22:00, unha cea de irmandade de mulleres no Restaurante Louzao (Area).
Paralelamente, ata o día 16 de marzo estarán dispoñibles para a súa visita as exposicións do IX Concurso de Debuxo Escolar “Mamá Traballadora” na Biblioteca Municipal e do IV Concurso de Fotografía Amateur “Mulleres e Traballos” nos comercios adheridos ao Casco Histórico de Viveiro.
Do 1 ao 15 de abril estará dispoñible unha nova exposición, “Chicas nuevas 24h” de Mabel Lozano, na sala multiusos do Concello, financiada pola Rede de Entidades Locais Contra a Violencia de Xénero. O alumnado de 3º da ESO do IES Vilar Ponte visitará a mostra o 3 de abril.
Ademais, ata o 28 de maio desenvolverase o obradoiro sobre “Acoso Escolar ou Sexual e Redes Sociais” dirixido ao alumnado dos IES María Sarmiento e Vilar Ponte, que comezou o pasado día 23 de novembro.
Tamén continuarán ata o 30 de maio as sesións do Clube de Lectura “En Feminino” a cargo da actric Estíbaliz Veiga, que comezaron o 26 de outubro.