Site icon Crónica3.com A Mariña

Viveiro publicará nas vindeiras semanas a licitación dos postos do mercado da praza de abastos

A concelleira de Mercados sinala que se realizaron modificacións nas bases co obxectivo de “adxudicar todos os postos, que non queden descubertos como pasou noutras ocasións”

Viveiro, 21 de marzo de 2024. A Concellería de Mercados do Concello de Viveiro informa ás persoas interesadas en ser adxudicatarias dun posto na praza de Abastos que está previsto publicar a súa licitación nas vindeiras semanas.

A concelleira Iria Cotelo destaca que antes de licitar os postos “foi preciso realizar unha primeira valoración do estado do edificio e dos posibles usos do mercado, de cara a realizar unha reforma integral da praza de abastos”.

“Tras realizar esta primeira valoración, podemos anunciar que nas vindeiras semanas sairán a licitación os postos da praza, unha boa nova agardada por todos e todas, xa que esta é unha das grandes demandas do colectivo praceiro e da veciñanza”, sinala Cotelo.

Como se informou anteriormente, as bases presentaranse modificadas, de cara a “obter unha maior diversidade no tipo de produtos da praza, así como mellorar a ordenación e os usos do mercado”, explica a concelleira.

“Estou convencida de que o tempo empregado en realizar estas valoracións e modificacións terá o seu froito, co obxectivo máis inmediato de conseguir adxudicar todos os postos, que non queden descubertos como pasou noutras ocasións”, afirma.

Os traballos que está a realizar a concelleira de Comercio e Mercados van encamiñados a “entrar na Rede de Mercados Excelentes, e que Viveiro conte nun futuro próximo cunha praza de Abastos dinámica, revitalizada e reformada”, explica.

Dende a Concellería sinalan tamén que volverán informar á cidadanía e ás persoas interesadas do momento da publicación da licitación.

Exit mobile version