O Presidente, José Tomé Roca, puxo en valor nunha reunión coa Alcaldesa, María Loureiro, a colaboración por 25.000€ que fai a institución provincial para a festividade relixiosa e a instalación da carpa para exhibir os pasos e a ourivería que sairán en procesión
Grazas á colaboración da institución, a Xunta de Confrarías volverá a contar coa carpa Antesala dun Museo, onde se exporán algúns dos pasos e as pezas de ourivería que sairán nas procesións polas rúas da cidade do Landro. A carpa, que abrirá as súas portas a vindeira semana, estará instalada como en anos anteriores na Praza de Jacinto Calvo, nas inmediacións da Igrexa de San Francisco.
Loureiro agradeceu ao Presidente o incondicional apoio da Deputación cada ano, que permite ao Concello “seguir colaborando coa Semana Santa para contribuír a acadar unha maior dimensión e proxeción dun dos grandes reclamos turísticos da Mariña Lucense e de toda a provincia”. Neste senso, apuntou que a Semana Santa viveirense move eses días a unhas 40.000 persoas, “coa repercusión económica que isto supón, e consegue unha ocupación hoteleira no municipio do 100%”.
A Semana Santa de Viveiro foi declarada no ano 2013 Festa de Interese Turístico Internacional, e é unha das celebracións relixiosas máis importantes e antigas de Galicia. Numerosos pasos, algúns articulados, de grande interese artístico procesionan polas rúas de Viveiro entre os que destacan o da Última Cea creado en 1808; o do Encontro acompañado das tallas da Virxe da Dolorosa, de San Juan e da Verónica; o Vía Crucis; ou a procesión da Soidade, conocida tamén como dos Caladiños que ten lugar na noite do Venres Santo acompañado de numerosos fieis con candeas encendidas no máis impresionante recollemento.