Site icon Crónica3.com A Mariña

Unha historia da posguerra en Alfoz, escrita por Lionel Rexes, gaña un certame literario internacional

Alfoz, 11 de marzo, 2024. Aliento de cárcel é o título do relato gañador do XXIII Certamen Internacional de Relato Corto “Encarna León”, convocado pola Viceconsellaría de Igualdade e Muller da Cidade Autónoma de Melilla.

A obra escrita polo alfocés Lionel Rexes recrea acontecementos do histórico calabozo de presas políticas localizado en Correlos, na parroquia de Mor (Alfoz), e vai enfiando isto co derradeiro día de vida do guerrilleiro Luis Trigo Chao “Gardarríos” e da súa compañeira de armas Antonia Díaz, pois a dona e as fillas do célebre “escapado” padeceron presidio naquel calabozo que hoxe forma parte dunha vivenda particular.

Hai oito anos, o autor do relato conduciu a Fernanda Cedrón Trigo (neta do “Gardarríos” e activista pola Memoria Histórica) até as dependencias onde sufriron reclusión as mulleres da súa familia, vivencia que tamén introduce no relato.

Dotado con 6000 euros para o premiado, este certame internacional exixe nas súas bases que as narracións destaquen o papel da muller na historia e ao tempo denuncien a súa discriminación, polo que o relato do autor alfocés fai fincapé, tamén, na inxustiza inflixida a unhas presas de conciencia que acabaran naquel calabozo polas súas ideas, ou unicamente por pertencer a familias sinaladas como leais á República.

Á presente edición do certame concorreron 577 obras procedentes de diversos lugares do mundo, entre as que finalmente foi escollida como gañadora a narración presentada por Lionel Rexes. Este autor reside no mesmo barrio de Correlos, lugar onde recolleu testemuños procedentes das veciñas que recordaban algunhas presas políticas polo seu nome, os soldados mobilizados que custodiaban o calabozo, e tamén o momento en que o presidio foi trasladado ao castelo do Castrodouro.

Non é a primeira vez que este autor aproveita a historia de Correlos para nutrir os seus argumentos literarios, pois na novela que publicará para o próximo mes de maio aparece reiteradamente a báscula da feira, unha construción aínda vixente que marcou a historia comercial do lugar.

Exit mobile version