“Quedou claro que é imposible o cambio en Galicia se non o lidera o Partido Socialista”
José Tomé asegurou que os socialistas “debemos perfilar e definir un proxecto que encabece Besteiro, serio, sólido e solvente, un proxecto do PSdeG, galeguista e leal co conxunto do Partido Socialista, pero galeguista”. “Toca axudar a conectar coa sociedade galega, coa xuventude, cos sectores económicos, culturais e sociais deste país”, incidiu.
O líder dos socialistas chamou a “facelo xa”, lembrando que no Comité Nacional Galego de hai unha semana o Secretario Xeral, Valentín González Formoso, anunciou a convocatoria de primarias para o día 7 de abril e un Congreso extraordinario para o día 27 do vindeiro mes, no cal tomará o relevo o compañeiro Besteiro para liderar o noso proxecto tanto no Parlamento, como no partido, e dende logo contará co noso apoio”.
Nun Comité Provincial de Lugo convocado para analizar os resultados das eleccións autonómicas, José Tomé afirmou que na campaña, tanto o PSdeG coma Besteiro, “tivemos demasiados factores en contra: falta de tempo para explicar o noso proxecto aos galegos e galegas, unha situación política xeral moi desfavorable, os medios públicos que condicionaron á opinión pública, unha polarización da campaña en clave estatal e un bombardeo constante de que o voto útil era votar ao BNG e quedou claro que non é así”. “Todos estes elementos conformaron un escenario moi complicado para o Partido Socialista”, indicou.
O Secretario Xeral do PSdeG na provincia recalcou que nas eleccións autonómicas “quedou claro que é imposible o cambio en Galicia se non o lidera o Partido Socialista”, chamou á “tranquilidade nas accións e nos cambios que hai que levar a cabo” e recalcou que os socialistas “temos os bimbios suficientes para levantar” os resultados do partido.
José Tomé rematou a súa intervención “agradecendo a xenerosidade de Valentín González Formoso dando un paso ao lado e poñéndose a disposición de Besteiro para colaborar e axudar en todo o que precise, apoiando sen fisuras”.