Sucedeu esta madrugada na LUP-6607, ao seu paso por Viveiro, e foi o propio condutor quen alertou a través dunha chamada ao 112 Galicia ás 3:50 horas de hoxe.
Segundo relatou, un xabaril irrompeu na vía, e provocou a falta de control sobre o vehículo, que, finalmente, envorcou, sen que resultasen feridos nin atrapados. Sen embargo, no interior do coche viaxaba unha muller de parto, que precisamente ía camiño do hospital para dar a luz.
Deste xeito, o equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ocupouse en primeira instancia da evacuación da muller co fin de continuar co proceso nas mellores condicións. Pola contra, e debido á urxencia do traslado médico, o vehículo quedou na vía, pero encargaríanse os axentes da Garda Civil de Tráfico e os equipos de emerxencias da sinalización e conservación das medidas de seguridade na calzada.
Así, ademais dos sanitarios e dos axentes de Tráfico, desde o 112 Galicia, pediuse a colaboración dos Bombeiros de Viveiro e dos membros do Servizo Municipal de Protección Civil.