Ribadeo, 23 de marzo de 2024. Ribadeo ofrece visitas guiadas gratuítas durante a Semana Santa. Este ano, por primeira vez, chegan ao Forte de San Damián, a fortificación costeira mellor conservada da costa cantábrica.
A concelleira de Turismo, Marta Saiz, explica que “a Concellería de Turismo de Ribadeo ofrece un ano máis durante a Semana Santa as súas visitas guiadas. Estas distribúense ó longo de toda a semana que vén e ofrécense de forma gratuíta a todas as persoas interesadas, tanto residentes como visitantes. Para poder formar parte delas só se require inscrición previa, que se pode realizar a través da páxina turismo.ribadeo.gal, escollendo a visita desexada no apartado Momentos da pestana Facer”.
A edil ribadense conta que “as visitas divídense en tres grupos, dependendo da ubicación do percorrido: as que percorren o casco histórico, as visitas xeolóxicas polo litoral (Xeorutas) e as visitas ao histórico Forte de San Damián”.
Saiz relata que “entre as primeiras, as visitas polo legado indiano e polo casco histórico (Ribadeo Indiano e Ribadeo Ilustrado) que realizará a guía Ana Pena, de Guía tu Día. Fran Canosa, recoñecido xeólogo ofrece tres interesantes rutas ó longo do litroral do municipio: Xeoruta dos Ollos, Xeoruta dos Arcos e a Xeoruta da Ría”.
E subliña: “e por último, e como novidade, esta Semana Santa por primeira vez, abrirase o forte de San Damián, a fortificación costeira mellor conservada da Costa Cantábrica. Estas visitas súmanse ás diversas actividades que se veñen realizando este ano para conmemorar o 400 aniversario da súa construción. Na oficina de turismo dispoñen de información completa sobre estas rutas”.