O prazo de presentación acabará o vindeiro día 1 de xullo, e o lugar para depositar os orixinais será o Concello de Viveiro
Viveiro, 14 de marzo de 2024. O Concello de Viveiro publica as bases da nova edición do seu xa tradicional Premio de Novela Vilar Ponte. Unha cita destacada na axenda cultural da vila que naceu co dobre obxectivo de lembrar aos escritores Antón e Ramón Vilar Ponte e promover a literatura en galego.
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, anima a “calquera escritor ou escritora en lingua galega, de calquera idade ou nacionalidade, a inscribirse no concurso, que xa conta cunha traxectoria moi salientable de promoción e reivindicación da literatura na nosa lingua”.
Como en anos anteriores, as bases recollen que todas as obras que se presenten a esta VI edición do concurso deben ser orixinais e inéditas e estar escritas en galego. A extensión e a temática da obra serán de libre elección.
Presentaranse catro copias en papel DIN A4 impresas a dobre espazo de cada orixinal, sen sinatura pero con título e lema, en sobre pechado.
O prazo de presentación acabará o vindeiro día 1 de xullo, e o lugar para depositar os orixinais será o Concello de Viveiro, escribindo no exterior do sobre “Para VI Premio de Novela Vilar Ponte”.
Establécense dous premios: un primeiro cunha contía de 4.000 euros e un segundo de 1.000 euros, coas súas correspondentes pezas de cerámica e diplomas. O acto de entrega dos mesmos terá lugar no Teatro Pastor Díaz.
O xurado estará integrado por 3 persoas vinculadas ao ámbito literario, cultural ou xuvenil designadas polo Concello, e máis un representante do mesmo. As obras gañadoras pasarán a formar parte do fondo de patrimonio da Biblioteca Municipal de Viveiro.
Na pasada edición resultou gañadora a obra ‘Pero… Como morren as pegas?’ de Óscar Manuel Guzmán Álvarez. A finalista foi ‘Letras azuis sobre formigón gris’, de María Cristina Rey Vázquez.