Trátase de 17 maletas con recursos pensados para previr ou paliar crises sensoriais en crianzas con TEA ou necesidades de apoio específicas durante as visitas aos museos. Inclúen xoguetes sensoriais – botellas de calma, panos de seda, frascos con especias, rotuladores de olor, pop it –, auriculares de redución de ruído e outros materiais relacionados cos oficios e o persoal dos museos.
Na selección dos materiais, a Rede Museística contou co asesoramento da asociación Raiolas Lugo, que participa habitualmente nas actividades didácticas e programas que impulsan os museos provinciais no camiño da accesibilidade e da inclusión.
Durante a presentación das mochilas, a deputada de Cultura Iria Castro puxo en valor “o traballo da Rede Museística que, ademais de incorporar agora este material, desenvolve de forma permanente programas e prácticas encamiñadas a facilitar e normalizar a visita aos museos a todas as persoas”.
A iniciativa forma parte das accións programadas polo Día Mundial da Concienciación sobre o Austismo, que se conmemora o 2 de abril.