A Mariña, 14 de marzo de 2024. No salón de plenos do Concello de Ourol tivo lugar esta mañá a presentación do acordo acadado polas Mancomunidades de Concellos da Mariña e Ferrolterra co Clúster de Turismo de Galicia, que inclúe como criterio habilitante para entrar no produto Galicia Destino Sostible pertencer ao proxecto Turismo Slow Norte de Galicia.
A presidenta da Mancomunidade da Mariña, Rocío López, lembrou que “Turismo Slow Norte de Galicia é un proxecto que as Mancomunidades de Concellos da Mariña e Ferrolterra, co apoio dos convenios que ambas entidades asinan anualmente coa Axencia de Turismo de Galicia, puxeron en marcha xa no ano 2015, o que converteu nun proxecto pioneiro tanto en nesta comunidade coma en España”.
López dixo que “os negocios que forman parte de Turismo Slow Norte de Galicia cumpren un triplo compromiso: o ambiental, de coidado do entorno; coa calidade; e co proxecto, que se refire á implicación e o interese pola consolidación do mesmo”.
Galicia Destino Sostible, impulsado polo Clúster de Turismo de Galicia coa
financiación da Xunta, é un club de produto que ten como obxectivo integrar a oferta turística sostible desta comunidade, conectando a turistas con empresas e facilitando o proceso de procura ás persoas interesadas en coñecer o destino garantindo a protección do medio ambiente e do seu patrimonio cultural e natural, o respecto pola cultura e a poboación local, e promovendo o impulso da economía local.
Á oferta turística integrada en Galicia Destino Sostible esíxeselle que cumpra cunha serie de criterios de sostibilidade e que traballe na súa mellora continua. Na actualidade, o club está formado por máis de 90 empresas e conta cunha oferta conformada por máis de 150 experiencias de turismo sostible.
A presidenta da Mancomunidade indicou que “é por todo isto que, desde os equipos técnicos de ambos proxectos e por iniciativa da Mancomunidade de Concellos da Mariña, analizouse a súa posible confluencia e reforzamento mutuo en beneficio das empresas e, polo tanto, de ambos territorios. Isto deu como resultado que o club de produto incluíse como un dos seus criterios habilitantes para aloxamentos, pertencer ao proxecto Turismo Slow Norte de Galicia”.
López comentou que “deste xeito, Galicia Destino Sostible, e si así o desexan os aloxamentos pertencentes a Turismo Slow Norte de Galicia, poderá ampliar a súa oferta turística e as empresas de aloxamento a súa visibilidade e promoción a nivel nacional e internacional así coma opcións de formación e networking con empresas do resto de Galicia que brindan este proxecto”.
Hoxe en día Turismo Slow Norte de Galicia conta con 26 empresas de aloxamento no xeodestino da Mariña e 21 en Ferrolterra, que terán a oportunidade de formar parte dun xeito directo de Galicia Destino Sostible. Para informar deste proceso, terán lugar dúas charlas – unha na Mariña e outra en Ferrolterra– o próximo día 16 de abril, ás que serán convocadas os aloxamentos.
A presidenta da Mancomunidade da Mariña engadiu que “o obxectivo deste acto de hoxe é poder comunicar este acordo, esta positiva noticia, ao tempo que se pon en valor o traballo realizado durante estes anos en Turismo Slow Norte de Galicia, se presenta o club de produto Galicia Destino Sostible e se da visibilidade ás distintas entidades que traballan e axudan a que un modelo turístico sostible de territorio en Galicia sexa posible”.
No acto celebrado en Ourol participaron representantes das Mancomunidades da Mariña e Ferrolterra, do Clúster de Turismo, da Xunta de Galicia, das empresas que levan adiante ambos proxectos (Turismo Slow e Destino Sostible) e do Concello anfitrión.