Site icon Crónica3.com A Mariña

OPP Burela e o IEO presentan os resultados do Proxecto Ispamer

Burela, 27 de marzo, 2024. A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela acaba de presentar o primeiro informe técnico do proxecto ISPAMER, dirixido polo Centro Oceanográfico de Vigo (IEO-CSIC) e que demostra o nulo impacto do palangre da pescada nos fondos mariños.

O estudo realizouse sobre a frota de Palangre de Fondo en augas europeas da OPP Burela co obxectivo de obter datos científicos para estudar a selectividade da arte e medir o posible impacto desta arte de pesca no fondo mariño de augas europeas, onde realiza a súa actividade esta frota. Algúns destes fondos foron afectados polas 87 vedas decretadas no Regulamento de Execución (UE) 2022/1614, que prohibiu a pesca de todas as artes de fondo. Precisamente a falta de datos científicos foi un dos principais argumentos do recurso xudicial presentado desde a OPP Burela contra a Comisión Europea.

O deseño metodolóxico foi desenvolto coa dirección científica dos investigadores do equipo PESCASOST do IEO e en estreita colaboración con armadores e técnicos da OPP de Burela. O obxectivo do proxecto ISPAMER é obter evidencia científica para aclarar se existe impacto desta pesquería no fondo mariño utilizando dúas fontes de información complementarias: observadores a bordo dos buques e observadores electrónicos. As mostraxes de múltiples mareas de pesca permiten coñecer se o palangre ten algún impacto sobre a fauna de invertebrados do leito mariño que forman parte dos chamados “Ecosistemas Mariños Vulnerables”.

Os resultados obtidos indican que o palangre utilizado pola frota burelense é un palangre demersal ou semipelágico tipo “pedra-bóla” que está dirixido á pescada adulta e ten contacto moi reducido co fondo mariño. En 2024, continuarase a mostraxe para clarificar se este sistema de pesca pon ou non en risco a conservación dos fondos e con eles solicitar unha exención na norma que permita a pesca nas áreas vedadas, como ocorre con outras artes de pesca de tipo pelágico.

A Administración pesqueira española felicitou a todo o equipo que forma parte do proxecto ISPAMER: desde o IEO, os observadores e os armadores e patróns, que unha vez máis entenderon a necesidade desta colaboración como un exercicio necesario e que ofrece novos resultados que poderán ser utilizados na defensa desta pesquería.

O director científico do proxecto, Julio Valeiras (equipo PESCASOST-IEO), recoñece que “supuxo un esforzo importante da OPP7 e do equipo de observadores a bordo e analistas de vídeo implicados para obter a primeira aproximación con datos de observación científica da captura accidental e impacto do palangre de pescada sobre os fondos en caladoiro comunitario. Utilizamos de forma simultánea observadores a bordo e seguimento electrónico, o que permitiu realizar unha cobertura ampliada e datos específicos de especies bentónicas”.

O traballo realizouse durante o cuarto trimestre de 2023 ao longo de 15 mareas e 159 lances ou días de pesca observados en sete buques da OPP Burela. En catro deles fíxose observación física a bordo e nos outros tres a observación foi electrónica. En 2024 continúase o desenvolvemento do proxecto coa mesma metodoloxía.

Desde a páxina web de www.oppburela.com pódese descargar un resumo do proxecto para divulgar o seu contido, que resulta de gran interese para esta frota xa que non existen estudos anteriores sobre esta modalidade de pesca.

Este proxecto está incluído no Plan de produción de OPP Burela de 2023 co obxectivo de mellorar o coñecemento e reducir o impacto ambiental na pesca, a través de medidas para mellorar a selectividade das artes de pesca, mediante a preparación e realización de programas experimentais para desenvolver artes de pesca con menor impacto ambiental, e conta con axuda da Xunta de Galicia e Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

Exit mobile version