O Presidente decidiu pouco despois de tomar posesión no mandato pasado que a Deputación asumise e completase a construción do parque empresarial de Cospeito, e a institución cumpre hoxe con todas as obrigas que lle atribúe o convenio de colaboración firmado no 2005 para crear a infraestrutura
Lugo, 8 de marzo de 2024. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, entregou este venres ao Concello de Cospeito o polígono industrial tras realizar a institución provincial un investimento de máis de 1,3 millóns de euros para a súa urbanización.
José Tomé asinou co Alcalde, Armando Castosa, e ante a presenza de empresarios e empresarias da zona, a acta de recepción da infraestrutura. Un acto celebrado no propio parque empresarial, durante o que o Presidente subliñou que “hoxe é un bo día para Cospeito e, polo tanto, como Deputación, para o conxunto da provincia porque poñemos este polígono ao servizo dos empresarios para que, ou ben teñan novas iniciativas empresariais ou ben poidan trasladarse aquí porque as instalacións das que dispoñen sexan insuficientes e, desta forma, queiran medrar”.
O novo polígono, engadiu, supón “unha oportunidade económica para este concello porque non van ter que saír os empresarios de aquí, van poder facer aquí os proxectos que teñan en mente, tanto os que hai, como outras iniciativas que poida haber”.
“Sempre que hai unha noticia positiva para un concello é unha noticia positiva para o conxunto da provincia”, asegurou José Tomé, quen felicitou ao Alcalde “na medida que lle toca porque vai ter unha dotación máis, importante, ben comunicada, ao lado da estrada principal, e con fácil acceso”.
Interese do empresariado
O mandatario provincial confirmou que xa mostraron interese varios empresarios da zona por unha pre reserva de solo e anunciou que a partir de agora “poden formalizar se queren esa solicitude para proceder a unha escritura notarial de venda”, como tamén calquera outro empresario xa pode solicitar a compra de parcelas ante a institución provincial.
O Presidente lembrou que, pouco despois de tomar posesión no pasado mandato, decidiu que a Deputación asumise o proxecto do polígono industrial de Cospeito, que estaba naquel momento en mans de SUPLUSA, co fin de reactivar e de completar as obras. A institución cumpre hoxe con todas as obrigas que lle atribúe o convenio de colaboración asinado o 1 de xuño do ano 2005 para crear a infraestrutura. “Cumprimos co obxectivo e hoxe formalizamos a entrega do polígono industrial ao Concello”, indicou.
O recinto, situado en Feira do Monte, ten unha superficie total de 56.726m2, dos que as parcelas de solo urbano que se poñerán á venda pola Deputación de Lugo ocupan 22.459m2, mentres que o solo dotacional ten unha extensión de 2.247m2; os espazos libres 10.849m2; os viarios e aparcamentos 10.490ms2; e as áreas verdes 10.681m2.
Coa incorporación deste polígono industrial en Cospeito, a Deputación de Lugo xestiona a día de hoxe a venda de parcelas en 9 parques empresariais situados noutros tantos concellos da provincia, todos menos este, construídos no seu día por SUPLUSA.
José Tomé incidiu no “esforzo” que está facendo a institución “para construír os polígonos e para xestionar as parcelas porque, como ocorre cos servizos sociais, en industria tamén estamos asumindo unha competencia impropia, dado que a responsabilidade en materia industrial é da Administración autonómica, como así establece o Estatuto de Autonomía”.