Os populares proporán a Ethel Vázquez, deputada pola Coruña e actual conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, como secretaria primeira da Mesa do Parlamento
Na Sesión constitutiva do Parlamento, os populares galegos proporán a Miguel Santalices, elixido deputado pola provincia de Ourense, como presidente da Cámara, un posto que xa ostentou nas dúas últimas lexislaturas (X e XI) e tamén no último tramo da IX, desde o 26 de xaneiro de 2016.
Santalices, nacido en Bande en 1955 e licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela, é deputado autonómico desde o ano 1997. No Parlamento fora o portavoz popular de Sanidade e presidente da Comisión do ramo, ademais de ser vicepresidente primeiro ata ser elixido presidente.
Pola súa banda, Elena Candia, elixida pola provincia de Lugo, é a proposta do PPdeG como vicepresidenta primeira do Parlamento galego, lugar que ocupou na segunda metade da anterior lexislatura, desde maio de 2022. Ata ese momento exercía como vicevoceira do Grupo Parlamentario Popular.
Candia (Mondoñedo, 1978), licenciada en Dereito pola Universidade da Coruña, foi alcaldesa de Mondoñedo entre 2015 e 2020 e presidenta da Deputación de Lugo (2015). A nivel orgánico, desde 2016 é a presidenta provincial do PP de Lugo e desde 2023 é tamén voceira do grupo municipal do PP na cidade de Lugo.
ETHEL VÁZQUEZ, NOVA INCORPORACIÓN Á MESA
Así mesmo, o Partido Popular de Galicia proporá este luns a Ethel Vázquez, elixida como deputada pola provincia Coruña e actual conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, como secretaria primeira da Mesa do Parlamento.
Ethel Vázquez naceu en Santiago de Compostela en 1972 e é enxeñeira técnica superior de Camiños, Canais e Portos pola Universidade da Coruña. Tras rematar os estudos superiores, en 1996 comezou a súa traxectoria profesional na empresa privada, ata que, en 2003, se incorporou ao organismo autónomo Augas de Galicia.
A continuación, asumiu presidencia de Augas de Galicia e da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (EPOSH) da Xunta en abril de 2009, cargo que exerceu ata ser nomeada directora xeral de Infraestruturas en setembro de 2010. En abril de 2011 asumiu a presidencia da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia e en xaneiro de 2012 foi nomeada directora da Axencia Galega de Infraestruturas.
A continuación, desde 2014 a 2015 foi conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas; e desde outubro de 2015 ata setembro de 2018 foi conselleira de Infraestruturas e Vivenda, momento no que pasou a ostentar o cargo de conselleira de Infraestruturas e Mobilidade que mantivo ata a actualidade.