Site icon Crónica3.com A Mariña

O PPdeG acusa ao Goberno central de “ecoloxismo radical” e alerta das consecuencias negativas que implicaría para Galicia o novo regulamento de Costas

Explican os populares galegos que o novo texto legal co que o Executivo pretende substituír o anterior regulamento vai “máis alá” nas súas pretensións de “deshumanizar a costa galega e acabar con toda a actividade que se desenvolve nela”

A Mariña, 30 de marzo de 2024. O PPdeG considera que o novo regulamento de Costas que está tramitando actualmente o Goberno central parte dunha perspectiva “propia do ecoloxismo máis radical” e “totalmente afastada da realidade de Galicia” e alerta das graves consecuencias que tería a súa aplicación para a actividade social e económica da nosa Comunidade.

Explican os populares galegos que o novo texto legal co que o Executivo pretende substituír o anterior regulamento –anulado polo Tribunal Supremo– é “aínda peor que o anterior” na medida en que “vai aínda máis alá” nas pretensións do Ministerio para a Transición Ecolóxica de “deshumanizar a costa galega e acabar con toda a actividade que se desenvolve nela”.

“Xa sabiamos que ao Goberno de Pedro Sánchez lle molestan as empresas, as depuradoras, os cemiterios e ata os centros de saúde que se ubican ao longo do litoral galego. Pero agora descubrimos que directamente está en contra de que haxa vida en toda a nosa costa”, argumentan á hora de abordar as consecuencias que implicaría a aplicación do novo regulamento.

Insisten desde o PPdeG na compatibilidade entre o desenvolvemento de actividade económica e a protección medioambiental “como sempre se fixo en Galicia” e lamentan neste sentido que o Ministerio equipare a situación das praias galegas coas do Mediterráneo á hora de establecer normas de aplicación xeral. “As características de Galicia nada teñen que ver coas doutras zonas costeiras de España”, subliñan.

Os populares contrapoñen a actitude do Goberno central coa da Xunta de Galicia, que, precisamente para protexer as edificacións costeiras galegas e ofrecer seguridade xurídica ás empresas instaladas nestas zonas, aprobou o pasado ano a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral. Unha norma que sería posteriormente recorrida ante o Tribunal Constitucional polo Executivo chegando incluso a comparala cunha “declaración de independencia”.

“Fronte a un Pedro Sánchez que nega a Galicia as competencias de xestión do seu litoral que si lle concede ao País Vasco e que ademais ataca legalmente a aqueles que lexislan para o beneficio xeral mentres ampara os actos delituosos dos seus socios, os galegos poderán seguir contando co PPdeG, con Alfonso Rueda á fronte, para defender os seus intereses a toda costa”, conclúen.

Exit mobile version