O popular condena o “nepotismo” á hora de contratar na Deputación de Lugo e pon como exemplo o ascenso de Sonia Méndez que vén de ser nomeada xefa de servizo a pesar de ser funcionaria interina
O portavoz, Antonio Ameijide, sinala que “non debería haber nada que ocultar” e, polo tanto, esixe “transparencia” ao Goberno de Tomé que parece ter medo a que a RPT demostre o que levamos tempo sospeitando: o nepotismo á hora de contratar na Deputación Provincial de Lugo”.
“O único motivo polo que PSOE e BNG se poden estar negando a amosar esta documentación é que non queren que se constate en papeis a axencia de colocación que montaron na Deputación de Lugo, que máis que unha administración ao servizo dos lucenses queren convertela nunha sucursal política”, engade o popular.
Ameijide defende que “PSOE e BNG non poden empregar a institución provincial como o seu cortijo persoal no que colocar á súa xente”. Así, continúa, “o exemplo máis claro é o da ex tenente de alcalde socialista da cidade con Orozco, Sonia Méndez, que vén de ser nomeada como xefa do servizo de contratación; a pesar de ser funcionaria interina”.