Os deputados populares Antonio Ameijide, Demetrio Salgueiro e José María Fernández comprobaron o estado desta infraestrutura xunto ao voceiro popular en Alfoz, Juanjo Fraga, e concelleiros do PP nesa localidade
Os deputados provinciais Antonio Ameijide, Demetrio Salgueiro e José María Fernández estiveron en Alfoz, xunto ao voceiro municipal Juanjo Fraga e os concelleiros da agrupación local, e comprobaron como o presidente da Deputación, o PSOE e o BNG poñen en risco a seguridade dos veciños deste municipio ao non reparar un dos piares, danado e que perdeu a súa base, dunha ponte situada na estrada LU-P-0203, moi preto da conexión coa estrada LU-P-0206.
O voceiro provincial, Antonio Ameijide, insiste na necesidade de mellorar de forma urxente o mantemento das estradas provinciais xa que “son un verdadeiro perigo” para a seguridade dos seus usuarios.
Ademais desta actuación, tamén sería preciso estudar a posibilidade de anchear esta ponte e outras situadas na estrada LU-P-0207 xa que “o paso dos vehículos é complicado polo estreitamento da vía nestas infraestruturas” xa que “é imposible que pasen dous vehículos ao mesmo tempo”.
Ante esta situación, os deputados populares presentarán un rogo no pleno deste martes para solicitar ao goberno provincial que realice estas actuacións.