Instan ao goberno local a que, antes de comprometer novos investimentos, “non enganen a ninguén e a facer o mantemento e a reparar o que xa temos”
Viveiro, 13 de marzo de 2024. O Grupo Municipal do PP de Viveiro denuncia que as instalacións deportivas deste municipio “están en precario”. A voceira da formación popular, Mariña Gueimunde, detalla que o pavillón municipal, que se viu afectado polos temporais das últimas semanas, aínda non foi reparado e continúa pechado; o que obriga aos rapaces a desprazarse aos concellos limítrofes para celebrar os partidos oficiais.
Asemade, o campo Marcos Gómez, situado en Cendedo, continúa sen as torretas da luz e segue sen o termo de auga quente, polo que os usuarios teñen que ducharse en auga fría. “Levan meses así porque hai un problema coa fontaneiría”, advirte a voceira Mariña Gueimunde.
No caso da piscina, o vaso pequeno tamén continúa sen estar en servizo. Segundo explica, non dispón do humidificador necesario para que se dean as condicións necesarias para poder abrilo. As máquinas do ximnasio están deterioradas e obsoletas e, no campo de Celeiro, que recibiu unha axuda da Xunta de Galicia en 2023, aínda non se iniciaron as obras de mellora, debido á inacción do Concello.
Por todo elo, dende o PP instan o goberno local a que, antes de comprometer novos investimentos, “non enganen a ninguén e a facer o mantemento e a reparar o que xa temos”.
“A IRRACIONALIDADE Á QUE ESTAMOS SOMETIDOS”
“Non nos serve a calada por resposta. As asociacións non poden facer uso das nosas instalacións; menos mal que temos as de Educación, xa que, do contrario, non sei como sería”, remarca Gueimunde, que insiste: “esta é a irracionalidade á que estamos sometidos. Non podemos meternos en novos gastos e todo por anuncios e a personificación dun dos partidos que forman parte do goberno e que nada quere saber do resto de concellerías”, conclúe.