Os populares cren que “a imaxe que ofrece Vilalba a través das súas instalacións deportivas é deplorable” e, polo tanto, “non é positiva para os nosos equipos que loitan por ascender, nin para o turismo e a hostalería”
Dende o PP vilalbés non é a primeira vez que esixen ao goberno bipartito máis atención ás instalacións deportivas e, nesta ocasión, esixen “unha solución urxente para garantir o uso do pavillón en perfectas condicións”. Anteriormente, teñen reclamado o arranxo da cuberta para poñer solución ao problema de goteiras que, despois de advertir varias veces ao goberno local para que pedise a subvención da Xunta, se poderá solucionar unha vez rematadas as obras cunha importante axuda do Goberno galego.
“Esta fin de semana o pavillón municipal acollía un partido de Preferente Autonómica entre as rapazas do Vilalba FSF e o Fisober FSF, de Dumbría; e ningún dos equipos puido facer uso das duchas porque non había auga quente nin calefacción”, explican. “O que está claro é que mentres os nosos equipos loitan por superarse, o goberno local de Vilalba quédase atrás” porque “o equipo feminino está loitando por ascender á Segunda División nacional, pero as instalacións deportivas non acompañan”. Ademais, “esta situación prexudica á imaxe que proxecta Vilalba entre os equipos galegos que visitan o noso municipio” e, polo tanto, “tamén ao turismo e ao sector hostaleiro”.
OUTRAS CARENCIAS
Pais e nais tamén teñen trasladado aos concelleiros populares a súa preocupación porque “no pavillón municipal non hai desfibrilador” e tamén advertiron do mal funcionamento do servizo de conserxería. Así, os populares piden explicacións ao goberno local porque “durante varias semanas non había ninguén que fora abrir as instalacións, a pesar de que é responsabilidade do Concello e que lle está pagando a unha empresa externa por este servizo. Tivo que facelo a Policía Local ou, incluso, responsables de clubs ou entidades que usan habitualmente as instalacións”.
A falta do servizo de conserxería tamén o sofren os usuarios do pavillón do Mato Vizoso: “nenos e nenas levan varias xornadas sen poder realizar actividades das escolas deportivas porque non abren as instalacións no horario correspondente”.
As deficiencias en infraestruturas deportivas tamén se estenden ao pavillón do Ínsua Bermúdez onde “chove na pista e a iluminación é nefasta”, indican.