José Manuel Gómez Puente ve necesario un plan de mantemento das estradas durante todo o ano en todo o concello, en lugar das “actuacións puntuais coas que o goberno local pensa que xa cumpre cos veciños”
O voceiro popular, José Manuel Gómez Puente, explica que varios veciños de San Pedro de Benquerencia amosaron o seu malestar por ver como se están a limpar as vías que dan acceso ás praias “mentres non se fai nada nas estradas do interior do concello, que non se desbrozan dende hai meses”.
Ademais, no PP de Barreiros destacan que as beirarrúas están sen limpar. “Ata nin se preocupan de limpar as herbas e maleza que medra nas zonas de paso da xente, como se non lles importara a imaxe que se transmite do municipio”, lamentaron.
Os populares lamentan “esta dobre vara de medir” do goberno local “que na realidade provoca que haxa veciños de primeira e veciños de segunda” en Barreiros.
Gómez Puente pide un plan de limpeza de vías municipais todo o ano “en lugar de preocuparse en momentos puntuais do ano”.
Neste senso, dende o PP de Barreiros recordan que é preciso “manter en bo estado” as vías municipais todo o ano, con traballos como a limpeza das cunetas, que están cheas de suciedade o que provoca que a auga corra polo firme.