Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de A Fonsagrada reclama o arranxo inmediato dos accesos a un núcleo de vivendas en Barcela de Arriba

O voceiro popular da Fonsagrada reclama ao alcalde “maior preocupación” por garantir uns accesos adecuados aos núcleos de poboación, sobre todo naqueles máis afastados, como unha das medidas que se poden poñer en marcha para loitar contra o despoboamento que sofre o municipio

A Fonsagrada, 8 de marzo de 2024. O voceiro do PP de A Fonsagrada, Bernardo Niño, pide ao alcalde o “arranxo urxente” dun camiño que dá servizo a catro casas en Barcela de Arriba, “un camiño polo que non pasa unha ambulancia”.

Bernardo Niño esixe “maior preocupación” ao rexedor municipal para dotar dun acceso adecuado a estas vivendas para “garantir que en caso de emerxencia poidan chegar os servizos sanitarios”. “Hai pouco que tiveron que chamar a unha ambulancia e entre o estado da estrada provincial pola que se chega e o mal estado deste camiño, os sanitarios tiveron moitas dificultades para chegar, polo que os veciños temen que a próxima vez non poidan pasar”, explicou.

Unha situación que se repite “lamentablemente” non asiduidade. Algúns destes veciños explicaron aos concelleiros do PP que hai pouco unha furgoneta de transporte non puido levar ata a vivenda un colchón que mercaron “e menos mal que os transportistas tiveron a ben levalo a pé ata a casa dada a idade dos veciños que o mercaron”.

Bernardo Niño lamenta esta situación “que se repite en moitas parroquias”. “Se queremos loitar contra o despoboamento que sufrimos na Fonsagrada o rexedor debería de preocuparse, cando mínimo, de garantir uns accesos adecuados ás vivendas, sobre todo naqueles núcleos máis afastados”, explicou.

Bernardo Niño recorda que xa no pasado mandato pediuse no pleno municipal a creación dun plan de arranxo de camiños con criterios obxectivos e públicos para dar “as mesmas oportunidades a todos os veciños e acadar unhas vías municipais en bo estado en todo o concello”.

Exit mobile version