Os deputados populares levarán unha pregunta ao pleno do martes que para José Tomé se pronuncie sobre se vai a acatar ou non a resolución da Valedora do Pobo e deixará de vulnerar un dereito fundamental recollido na CE
Lugo, 21 de marzo de 2024. En setembro do ano pasado, os deputados do Grupo Provincial Popular na Deputación de Lugo acudiron á Valedora do Pobo ante as constantes prohibicións de José Tomé a que os deputados populares accederan a edificios de titularidade provincial. O pasado 15 de marzo a Valedora do Pobo emitiu a súa resolución sobre a petición formulada e “foi clara e taxante” ao indicar a José Tomé:
“Que se garanta a libre entrada das persoas deputadas provinciais ás dependencias da Deputación de atención directa á cidadanía; e que nas dependencias nas que se desenvolvan tarefas propias da Deputación, pero sen atención directa á cidadanía, se estableza un réxime de acceso cunha sinxela comunicación previa dada no prazo que se indique, de tal forma que o ente provincial poda establecer as garantías organizativas necesarias para o desenvolvemento da visita”.
Os deputados do Grupo Provincial Popular na Deputación e concelleiros do Grupo Municipal Popular no Concello de Lugo ofreceron hoxe unha rolda de prensa conxunta para valorar a resolución da Valedora do Pobo e esixir un cambio de actitude ao PSOE e BNG.
O voceiro popular, Antonio Ameijide, afirmou que “a resolución é clara e sinala que non precisamos ningún tipo de permiso nin comunicación previa para acceder a edificios da Deputación de atención ao público”.
Ameijide ve en Tomé “un aprendiz de ditador” ante o intento do presidente da Deputación de boicotear o traballo de fiscalización da oposición. “Semella que tanto PSOE como BNG teñen nostalxia doutro tipo de réximes como os que apoian en Suramérica e cos que se reúnen en aeroportos ás agachadas. A realidade é que tentan calar a todo aquel que non pensan coma eles, pero con nós non o van a conseguir”, afirmou.
A Valedora do Pobo non deixa lugar a dúbidas ao afirmar que “debe considerarse adecuado o reclamado na queixa para o libre acceso á parte das dependencias de libre acceso para a cidadanía, posto que negar ese acceso é tanto como colocar aos representantes ou cargos públicos nunha posición máis limitada que a da cidadanía, o que non responde a ningún criterio lóxico e resulta contrario ao dereito fundamental recoñecido no art. 23 CE”.
Incluso, a Valedora do Pobo reafirma a súa resolución cunha afirmación contundente contra as escusas manifestadas por José Tomé para exercer o veto aos deputados populares: “Non é suficiente cunha mera alegación á existencia de problemas organizativos ou funcionais, senón que a corporación provincial debera buscar solucións que fagan viable o pleno recoñecemento do dereito que tratamos”.
POBRES ESCUSAS DE TOMÉ
Antonio Ameijide tamén cualificou de “escusas de mal pagador” as alegacións realizadas por José Tomé á Valedora do Pobo. Entre outras afirmacións, o presidente provincial alegou que “a pretensión é que a comitiva, á que se fai referencia, nada máis e nada menos que catro persoas, deambulen libremente polas distintas dependencias, sen coñecelas e sen que ninguén poda guialos polas distintas ubicacións”.
“É dicir José Tomé quere poñer a unha persoa que controle e supervise o traballo da oposición pero, sobre todo, saber con quen falan por se ten que tomar algún tipo de represalia contra ese ou eses funcionarios”, lamentou.
Incluso, nas súas alegacións José Tomé deixa clara “a súa actitude ditatorial” ao escudarse en que “en ningún momento se nega a posibilidade de que os grupos provinciais accedan ás instalacións onde se prestan os distintos servizos públicos, pero o que se establece é que non é suficiente con que se realice a comunicación da visita senón que, pola contra, teñen que ser autorizados pola Presidencia da Deputación”.
Ameijide ironiza: “se por Tomé fose tería que pedirlle permiso a diario para entrar no Pazo de San Marcos ou no meu propio despacho”.
PETICIÓN DE AMPARO DO GRUPO MUNICIPAL POR NON PERMITIR VISITAR O AUDITORIO DE MAGOI
A voceira municipal popular, Elena Candia, explicou que o Grupo Municipal tamén solicitou o amparo da Valedora do Pobo ante a negativa do goberno municipal a que os concelleiros populares accedan ao auditorio de Magoi, a pesar de que PSOE e BNG no Concello realizaron unha visita o 4 de marzo.
“A Deputación de Lugo é a casa de todos e, precisamente, aí enraíza o problema: hai determinados políticos que cando teñen responsabilidade de goberno, a pesar de perder as eleccións, cren que é a súa casa. E non é certo. É a casa de todos. E o Concello de Lugo tamén é a casa de todos. E a súa responsabilidade é a de gobernar para todos. Cando non teñen iso claro é cando pasan estas cousas”, sinalou Candia.
A portavoz popular no Concello de Lugo considera que “a resolución da Valedora do Pobo di que os edificios das institucións son públicos e cando prestan servizos á cidadanía e calquera deputado ou, por extensión, calquera representante público ten que ter acceso aos mesmos”.
E segundo o informe da Valedora do Pobo, “cando non está aberta ao público, podemos concluír que serviría cunha comunicación previa”. Neste sentido, Candia fixo un paralelismo coa queixa que presentou o Grupo Municipal por “impedir a entrada no auditorio de Magoi a pesar de estar rexistrado en tempo e forma e, incluso, podendo interpretar esa resolución positiva porque pasaron os cinco días e tiñamos ese silencio positivo que recolle o Regulamento Orgánico de Funcionamento”. Despois comunicaron que “perderon os papeis para volver empezar a contar os prazos e seguimos agardando e fomos á Valedora do Pobo”. Neste caso é un edificio que neste momento, e moi ao noso pesar porque o levamos reivindicando moito tempo, non está prestando servizo público e, con rigorosidade, entendemos que serviría cunha comunicación previa”.
“A realidade é que non se poden presidir institucións públicos pensando que é a súa casa. Os 24 concelleiros e deputados fomos elixidos libremente e, ademais, gañamos as eleccións e representamos a moitos lucenses e temos un dereito protexido na Constitución que é o artigo 23 de participación política que ninguén, por moita soberbia que intente aplicar nas súas accións de goberno, nos vai poder impedir”, incidiu.
Candia subliñou que “esta resolución é exemplar” e avanzou que “tamén a rexistraremos formalmente no Concello para que se dean por enterados”.