Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP continuará vixiante nos procedementos de contratación da Deputación

Ameijide cre que “non é moralmente admisible que un familiar próximo a un xefe de gabinete -e incluso tamén a unha concelleira de goberno no municipio onde goberna o presidente da Deputación de Lugo- estea licitando por valor dun millón de euros na institución provincial”

Lugo, 1 de marzo de 2024. “O Grupo Provincial Popular continuará vixiante en relación á contratación do servizo Coñece a túa provincia”. Así o explica o portavoz, Antonio Ameijide, ante un paso máis neste procedemento administrativo aceptando a xustificación da oferta considera nun primeiro momento anormalmente baixa. “Parece que, por agora, o goberno provincial tomou nota da advertencia do Partido Popular”, subliña. Deste xeito, quedaría aparentemente fóra a empresa do irmán do xefe de gabinete do presidente da Deputación e fillo dunha concelleira do PSOE en Monforte.

O popular agradece o labor dos funcionarios que parece que foron escrupulosos no seu traballo e pídelle ao equipo de goberno do PSOE e BNG que “non incorran na Deputación de Lugo nos mesmos erros que están poñendo contra as cordas ao presidente do Goberno, á súa muller, a ministros, presidentes de comunidades, etc: meter ás súas familias a licitar e xestionar contratacións con administracións nas que teñen responsabilidades de goberno”.

Ameijide esixe “transparencia e imparcialidade” ao goberno provincial. De feito, cre que “non é moralmente admisible que un familiar próximo a un xefe de gabinete -e incluso tamén a unha concelleira no municipio onde goberna o presidente da Deputación de Lugo- estea licitando por valor dun millón de euros na institución provincial. Se estás traballando nunha administración non podes contratar coa mesma”.

O voceiro popular subliña que “seguiremos vixiantes con este e outros procedementos” para “impedir o que estaba pasando en Madrid. “Dende o Grupo Provincial Popular estamos satisfeitos de que tomaran nota” e, nesa liña, avanza que “seguiremos esixindo luces e taquígrafos en relación a este e outros procedementos de contratación”.

Exit mobile version