“Isto non é un tema político por moito que o PSOE demostre que só lle interesa falar da A-6 cando hai eleccións. Isto é un tema de seguridade viaria, de competitividade das nosas empresas e de accesibilidade a Galicia”, destacou Francisco Conde
Baralla, 9 de marzo de 2024. O Partido Popular considera “insuficiente” que o Goberno tan só destine ao mantemento da A-6 e da N-VI o 10% (14,7 millóns) do que precisa a autovía, e que ascende, segundo os cálculos establecidos pola consellería de Infraestruturas, aos 140 millóns de euros. Así o expuxeron este sábado a presidenta provincial, Elena Candia, deputados e senadores das dúas provincias que comunica esta vía de comunicación -Lugo e A Coruña-, ademais de alcaldes e voceiros do municipios lucenses polos que discorre.
Os populares amosáronse moi críticos co anuncio do Executivo estatal, tildándoo “de lavado de cara”, xa que, segundo destacou Candia, “a cantidade redúcese aínda máis se temos en conta que se trata dunha partida plurianual que conleva que as obras se dilaten polo menos tres anos”. Concretamente, a distribución económica que figura no contrato é a seguinte: 2024: 3.394.824 euros; 2025: 4.807.732 euros; 2026: 4.807.732 euros; e 2027: 1.909.921 euros.
É por este motivo, polo que lle pide ao Goberno “que deixe de tratar a esta provincia e a Galicia como a cincenta de España porque o pasado día 18 quedou demostrado que os lucenses e os galegos apostamos polo que realmente funciona”.
O PP PROPÓN A SOLUCIÓN E O GOBERNO REXÉITAA
Os populares, da man dos deputados, senadores e do viceportavoz da Comisión de Transportes do Grupo Popular na Cámara Baixa, Celso Delgado, e mesmo o Goberno galego, veñen advertindo e solicitando dende hai meses, e nas distintas cámaras parlamentarias, que o que precisa esta autovía é un plan de conservación e mantemento integral para solventar os problemas identificados nos firmes e estruturas, así como un programa de xestión preventiva de elementos como muros, taludes ou obras de paso. Lamentablemente, o Executivo descartou esta proposta, a pesares de que dita autoestrada supón un risco para a circulación viaria.
“Isto non é un tema político por moito que o PSOE demostrou que só lle interesa falar da A-6 cando hai eleccións. Isto é un tema de seguridade viaria, de competitividade das nosas empresas e de accesibilidade a Galicia”, destacou Conde. A este respecto, indicou que “proba delo é que agora o que ata fai pouco era o presidente da Comisión de Transportes e candidato á Xunta xa nin a cita”; actitude que para Francisco Conde “non é unha novidade”. “Basta con lembrar, dixo, a mentira dos trens Avril e, en consecuencia, que esta provincia quede sen AVE”.
MINISTERIO “CUESTIONADO”
“Cando dicimos que o Goberno de Pedro Sánchez levou ao Ministerio de Transportes aos peores momentos da súa historia falamos de trens que non collen polos túneles, falamos de viadutos que caen, de trens que non chegan… pero tamén dunha clamorosa desatención do deber de conservación das estradas; todo elo, apuntou Barreiro, “tutelado por un departamento que, como todos os españois sabemos, está sendo moi cuestionado e está sendo noticia non precisamente pola.súa eficacia na xestión das infraestruturas” remarcou o senador.
Por este motivo, dende o PP piden ao Executivo de Sánchez “sensatez” e adiantan que nas Cortes Xerais reclamarán, novamente, que interveña na capa de rodaxe para garantir a seguridade nesta autovía esencial de conexión entre Galicia e a Meseta, con gran intensidade de tráfico, especialmente pesado, e que nos vindeiros días se verá incrementado coas vacacións de Semana Santa.
INCIDENTES REITERADOS
A deficitaria situación da A-6 está a ser un clamor tanto a nivel político, como cidadá, pois ademais da numerosas fochancas, a profundidade dalgunhas delas son o detonante de avarías nos vehículos, ocasionando así elevados custos aos usuarios e aos transportistas que a cotío circulan por ela, e incluso de accidentes e sinistros importantes, como os que se citan a continuación:
– 7 de xuño de 2022: colapso do terceiro vano da calzada sentido A Coruña do viaduto do Castro. Nove días despois repetiuse o suceso no vano 1 da mesma estrutura. O viaduto estaba sendo obxecto de traballos de reparación, dado que xa en marzo de 2021 se detectasen deterioros asociados a procesos de corrosión. Logo de varios criterios ante os derrubamento, na actualidade só está aberto o carril en sentido Madrid.
– 19 de outubro de 2023: desprendemento dun talude á altura do quilómetro 450, no concello de Becerreá. Un vehículo, que circulaba nese momento, resulta arrastrado
– 20 de outubro de 2023: xusto no desvío habilitado derivado do corte da A-6 polo colapso do viaduto, un camión perde o control do remolque e golpea a outro vehículo pesado e a unha furgoneta que circulaba en sentido contrario.