A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, contou que “a campaña desenvolverase entre o 8 e o 19 de marzo. Aquelas persoas que fagan as súas compras nos comercios asociados a Acisa neses días recibirán papeletas para participar no sorteo deses dous premios que poñemos en xogo”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “nesta campaña do día do pai desde Acisa Ribadeo sortearemos dous novidosos premios. Trátase dunha experiencia denominada Siente el asfalto, de condución dun coche de alta gama nun circuíto de carreiras, a escoller entre 3.700 opcións, doada por Viaxes Eroski e valorada en mais de 100 euros. E en segundo lugar, sorteamos un reloxo Time Force, modelo Status Chrono, valorado en mas de 300 euros doado por Joyería Azabache”.
Cruzado Iglesias indicou que “son 8.000 as rifas que poñeremos en circulación nesta nova edición da campaña do día do pai de Acisa Ribadeo. O sorteo non presencial celebrarase o 20 de marzo a porta pechada nas nosas oficinas mediante un programa de xeración de números aleatorios, e posteriormente daranse a coñecer os gañadores nas redes sociais e medios de comunicación. As bases do sorteo poden consultarse na web e redes de Acisa”.
Pérez Prada dixo que “o próximo 19 de marzo celebramos o día do pai, unha data moi importante, unha data para ter un detalle cos nosos pais, pero tamén cos Joses, Josefas, Pepes e Pepitas, unha data por tanto para ter un agasallo especial con quen mais nos quere e para saír celebralo na hostalería local”.
A presidenta de Acisa anima “a mercar no comercio local, ese que temos a carón das nosas casas, no que traballan as persoas que coñecemos e onde recibiremos consellos e atención personalizada para elixir o que máis nos interesa para sorprender aos homenaxeados nesta data”.
O xerente da asociación ribadense engadiu: “dende Acisa Ribadeo agradecemos a colaboración das empresas doadoras dos dous premios: Viajes Eroski, Azabache e Time Force, que fan un esforzo moi importante para colaborar con nos nesta actividade, así como tamén á Xunta de Galicia, que é a administración que financia esta campaña do día do pai”.