Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Vilalba investirá o Fondo de Compensación Ambiental en maquinaria e no mantemento do paseo fluvial e da área recreativa do Madalena

A subvención, dun importe de 193.342,76 euros, destinarase á compra de máis dunha ducia de ferramentas agrícolas e de xardinería e a contratación de sete traballadores

Vilalba, 14 de marzo de 2024. O Concello de Vilalba vén de presentar a documentación esixida para poder recibir os máis de 190.000 euros que lle corresponden do Fondo de Compensación Ambiental e na que incluíu a compra de maquinaria para a realización de traballos no medio ambiente e a contratación de persoal na época estival para realizar o mantemento do paseo fluvial e a área recreativa do río Madalena.

En concreto, a corporación municipal incluíu na convocatoria das axudas do Fondo de Compensación Ambiental 2024 un orzamento de 153.487,55 destinado á adquisición de maquinaria autopropulsada e de man. Entre ditas ferramentas, o Concello de Vilalba prevé a compra dunha trituradora articulada lateral, unha biotrituradora, unha plataforma elevadora para poda en altura, unha podadora en altura acoplada a tractor, un tractor compacto e unha trituradora multifunción.

Pola súa banda, o orzamento presentado tamén recolle a adquisición de maquinaria de uso por operarios entre a que se incluíron dúas motoserras profesionais, unha motoserra de man, unha motoserra telescópica, un cortasetos de man, un cortasetos telescópico, catro desbrozadoras profesionais de man, dúas motoserras profesionais dunha sola man, un corta céspede e un soprador accionado a gasolina.

“A compra desta maquinaria permitiríanos axilizar os traballos de mantemento das zonas verdes e mellorar as actuacións no medio ambiente, dúas cuestión fundamentais neste momento”, asegurou a rexedora, Marta Rouco, quen ademais explicou que “dispoñer destas ferramentas no Concello permitiranos realizar a nós actuacións como o
desbroce das vías municipais, a limpeza das cunetas ou a apertura das mesmas, traballos que na actualidade temos externalizados porque non dispoñemos da maquinaria necesaria para facelo”.

Ademais, a alcaldesa destacou “a importancia de manter os nosos espazos verdes coidados para preservar e poñer en valor o patrimonio natural do noso municipio”, polo que o Concello de Vilalba tamén incluíu na convocatoria un orzamento de 50.142,75 euros para as actuacións de mantemento do paseo fluvial e a área recreativa do río Madalena.

Ditas actuacións suporían a contratación de 5 peóns de xardinería ou da rama forestal e 2 oficiais xardineiros durante 3 meses no período estival para levar a cabo a corta de herba nas marxes do paseo fluvial, a retirada de ramas e lixo, así como as labores básicas de mantemento do mobiliario. Ademais, o persoal sería o encargado da corta do céspede, a retirada de ramas, follas e lixo, tamén na área recreativa do Madalena.

Exit mobile version