O Concello de Ribadeo, desde a Área de Promoción Económica, Iniciativa Empresarial, Turismo e Comercio, programa un curso destinado a preparar as probas de Competencias Clave que se celebrarán en xuño, convocadas pola Xunta de Galicia. As materias a impartir serán as de Competencia Matemática Nivel 2, Comunicación en Lingua Castelá Nivel 2 e Comunicación en Lingua Galega Nivel 2.
A concelleira Marta Saiz explicou que “desde o Concello de Ribadeo detéctase a necesidade de formación en Competencias Clave, debido a que a maior parte da formación para o emprego se estrutura en Certificados de Profesionalidade, na súa maioría de Nivel 2. Para o acceso a este nivel é preciso contar cunha formación mínima de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ou equivalente”.
A edil de Promoción Económica indicou que “a través das probas de competencias clave, as persoas que non contan con esta formación mínima esixida poderán demostrar que posúen as competencias clave necesarias en matemáticas, lingua castelá e lingua galega para poder acceder aos Certificados de Profesionalidade de Nivel 2”.
Para Saiz “a impartición desta formación en Competencias Clave pode contribuír considerablemente na mellora da empregabilidade, o acceso á formación ocupacional e ao emprego das persoas desempregadas de Ribadeo que non contan con estudos de Educación Secundaria Obrigatoria ou non puideron homologar a súa formación”.
O curso realizarase na aula da Casa del Viejo Pancho, en horario de 10 a 13 horas. Esta formación iniciarase o 6 de maio e rematará nas primeiras semanas de xuño, xa que está previsto que a realización das probas teña lugar na segunda quincena de xuño.
O prazo para poder matricularse no curso estará aberto ata o próximo 26 de abril. As persoas interesadas poderán matricularse na Oficina de Desenvolvemento local do Concello de Ribadeo.
Para calquera dúbida ou aclaración pódese chamar á Área de Desenvolvemento Local de Ribadeo (982 128 650) ou escribir un correo electrónico a adl@ribadeo.gal