Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo forma no uso do desfibrilador ao persoal do Centro de Día Residencia

A administración local instalou un DESA no edificio municipal e impartiu un curso de uso e manexo destes dispositivos no que participaron corenta persoas

Cervo, 28 de febreiro de 2024. O Concello de Cervo vén de impartir un curso de uso e manexo do desfibrilador semiautomático entre o persoal do Centro de Día Residencia.

A rexedora, Dolores García Caramés, e o responsable do GES, Mario Antuña, achegáronse ata as instalacións e asistiron á clausura do curso de vinte horas de duración no que participaron corenta profesionais que tamén recibiron formación sobre como actuar ante situacións de atragoamento ou outras lesións ou patoloxías similares.

Durante a visita, fixéronlle entrega tamén ao centro dun DESA que tal e como explicou a rexedora “súmase aos outros cinco que temos dispoñibles no municipio nas instalacións deportivas municipais –piscina e complexo deportivo da Veiga- na Casa do Mar en dous vehículos de emerxencia –un dos cales se mobiliza para dar servizo aos areais na época estival-.

O persoal do CDR recibiu pois formación teórico-práctica para poder dar resposta ante as principais situacións de urxencia-emerxencia “co obxectivo de buscar a máxima seguridade e a excelencia no trato ás persoas usuarias”.

Tal e como apuntou a alcaldesa, mantemos unha interlocución constante coa dirección do CDR e co seu cadro de persoal co que colaboramos en todo o que está na nosa man; “a programación deste curso e a dotación do desfibrilador ao centro, son pois unha forma máis de contribuír á mellora da calidade do servizo”.

O curso homologado está avalado pola Sociedade Europea de Reanimación e polas Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias (SEMES).

Exit mobile version