O BNG recrimina ao PP a reforma da lei de vivenda “pola porta de atrás” para non exercer as súas competencias e desviar a responsabilidade aos concellos
Santiago de Compostela, 30 de marzo. O BNG acusa ao PP, dende a Xunta de Galiza, de facer un auténtico boicot á declaración de zonas tensionadas co obxectivo de que non se limiten os prezos dos alugueres.
Ao seu xuízo, “todas as actuacións da Xunta van encamiñadas a pór atrancos á limitación de prezos” e para mostra, “a reforma legal” da Lei da vivenda “pola porta de atrás”, utilizando a Lei de Acompañamento dos Orzamentos 2024.
Nesa reforma, explica a nacionalista, a Xunta intentou eximirse das súas responsabilidades como Administración competente en vivenda desviando a súa responsabilidade na tramitación de áreas tensionadas aos concellos, e atar ás administracións locais “de pés e mans”, cunha serie de esixencias para que ningún concello consiga sacar adiante a declaración de zona tensionada. Entre esas esixencias están, por exemplo, a obrigatoriedade de facer unha mesa coa patronal inmobiliaria e contar co seu visto bo.
Ou, que a pesar de cumprir cos criterios establecidos coa lei, a Xunta se reserva a capacidade de tomar a decisión final ou deixar caer a proposta, en base a criterios tan abstractos como “posibles efectos negativos” en base ás actas da mesa coa patronal. “Un escándalo” en opinión da nacionalista.
Alexandra Fernández considera que ante a esixencia de contar “co visto bo da patronal” é preciso lembrar que os obxectivo da limitación de prezos é garantir o dereito social de acceso a unha vivenda digna ante un aumento brutal dos prezos. A modificación que introduce pasa por riba dese dereito pero o PP, denuncia a nacionalista só busca “blindar beneficios empresariais por riba do dereito á vivenda” Para iso establecen que aínda que se cumpran os criterios para declarar unha área como tensionada, “a patronal e a Xunta, en complicidade, poidan paralizar a declaración para manter beneficios”.
Dende o BNG, recalca a deputada, esiximos “un cambio de actitude da Xunta” e que abandone o permanente “boicot ás propostas útiles para Galiza”.
O BNG exixe a primeira declaración de áreas tensionadas en Galiza
Neste sentido, Fernandez asegura que a Xunta debe empregar as competencias propias para adecuar a aplicación das áreas tensionadas á nosa realidade urbana polo que solicitamos a elaboración “da primeira declaración de áreas tensionadas de Galiza”, cunha perspectiva global a nivel de país como xa fixo Cataluña.
Urxe intervir os prezos dende unha perspectiva integral
A intervención sobre os prezos do aluguer, engade Fernandez, debe ir máis alá dos topes de prezos e ir acompañada de políticas de vivenda que contribúan a rebaixar os prezos a través de políticas de : “Actuación sobre a vivenda baleira, a planificación e regulación de usos do parque residencial (VUT), impulso da vivenda pública e a vivenda protexida e os topes de prezos.
Dende o BNG entendemos que “estes catro eixos constitúen o armazón para a intervención sobre os prezos da vivenda activándoos de maneira conxunta”.
Finalmente, a deputada do BNG insiste na “parálise” da política de vivenda do PP e de bloquear calquera medida, regulación ou impulso de vivenda protexida para colocar a Galiza na vangarda das políticas de vivenda.