Ribadeo, 22 de marzo de 2024. O salón de plenos do Concello acolleu a presentación da IV Heroican Race, que se celebrará en Ribadeo o 29 de setembro. Esta carreira de obstáculos está organizada polo Grupo BeOne, que conta coa colaboración do Concello ribadense.
O alcalde, Dani Vega, dixo que “a clave é volver a Ribadeo para facer esta importante actividade deportiva. Cando falabamos de números superaban os 1.500 participantes, iso quere dicir que é unha actividade con imán e que atrae a moita xente a Ribadeo. Eu creo que a práctica do deporte ten dúas vertentes, unha desde o punto de vista da saúde e outra desde o punto de vista deportivo e económico”.
O rexedor subliñou que “o impacto económico que ten unha proba deste tipo é moi importante. Este Concello está a apostar polo deporte para activar a economía e o turismo deportivo, que é mi importante”.
Vega agradeceulle ao director xeral do Grupo BeOne, Roberto Ramos, a súa aposta por Ribadeo para que volva aquí a Heroican Race por terceira vez: “o Concello está moi agradecido por todo o que apostas por Ribadeo, por todo o que fas en Ribadeo. Esta non é a única colaboración, sabemos que hai moitas máis que levan o teu nome e iso é de agradecer”.
Na presentación da Heroican Race participaron o director da carreira, Marcos Pérez, o director general do Grupo BeOne, Roberto Ramos, o director de Produto e Innovación, Matías Gago, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, e o técnico municipal de Deportes, Iván López.