A Mariña, 5 de marzo de 2024. O vindeiro 13 de marzo terá lugar unha nova xornada de formación en xeoturismo, organizada pola Mancomunidade de Concellos da Mariña ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística. Estará destinada a anfitrións e xestores de turismo dos concellos.
A cita desenvolverase entre as 9:45 e as 19:00 horas no salón de conferencias, en Burela. O equipo docente estará formado por Fran Canosa, xeólogo e impulsor do turismo xeolóxico en Galicia, e Iván Rodríguez, doutor en xeoloxía e guía de xeoturismo.
A xerente do Plan de Sostibilidade Turística, Tania Hermida, explica que “esta xornada formativa ten como obxectivo primordial a divulgación e posta en valor do patrimonio xeolóxico da Mariña entre os axentes locais implicados no desenvolvemento do turismo, ben sexan do sector público, como técnicos das oficinas de turismo, xestores de turismo ou áreas relacionadas, etc. como do sector privado, persoal de aloxamentos, experiencias turísticas, etc. E así podan contar cunhas nocións básicas sobre o turismo xeolóxico, o patrimonio e a xeoloxía da Mariña de cara a informar e atender aos turistas e visitantes ou valorar desenvolver actuacións de xeoturismo no seu ámbito”.
Deste xeito continúa o programa de Xeoturismo da Mancomunidade, que arrincaba o pasado mes de decembro, e que se enmarca no Plan de Sostibilidade Turística 2022-2024, que está cofinanciado pola Mancomunidade – co apoio da Deputación de Lugo -, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.
O programa de Xeoturismo incluirá tamén en marzo dúas novas saídas: a Xeoruta polo Pregue Xigante, de Barreiros, prevista para o 16 de marzo; e a Ruta entre Volcáns, polo Vicedo, que terá lugar o 23 deste mes. Ademais da xeo visita á Frouxeira o 9 de marzo, que estaba prevista para a última fin de semana de febreiro, pero foi aprazada por mor do mal tempo. A inscrición está aberta. Trátase de actividades gratuítas.
Toda a información sobre a formación e as distintas actividades programadas está dispoñible no enlace https://amarinalucense.gal/es/geoturismo.