Ribadeo, 1 de marzo de 2024. O vindeiro 11 de marzo dará comezo unha nova recollida porta a porta dos plásticos agrícolas en Ribadeo.
O concelleiro de Medio Ambiente, Diego dos Santos, explicou que “o 11 de marzo comezará a recollida porta a porta dos plásticos agrícolas (servizo contratado polo Concello de Ribadeo á empresa ASCAN SERVICIOS URBANOS, S.L.). Esta recollida vaise prolongar durante os días que sexan necesarios para atender todos os avisos de recollida recibidos en tempo e forma”.
O edil ribadense indicou que “para asegurar que o servizo se preste nas condicións idóneas, todas as explotacións que precisen a recollida procurarán ter os plásticos en lugar adecuado e facilmente accesible para o camión de recollida e solicitarano a través do teléfono do Punto Limpo municipal, 664 00 09 32, dentro do seu horario, que é de luns a venres de 9 a 13 horas e de 16 a 18:30 horas e os sábados de 9 a 13 horas. Poden facelo ata o venres 8 de marzo”.
Dos Santos engadiu que “dende a Área de Medio Ambiente do Concello de Ribadeo agradeceríamos a máxima colaboración posible con este servizo, principalmente á hora de dispoñer convenientemente os plásticos no lugar de recollida”.