Bermúdez visitou o concello da Comarca de Bergantiños para intercambiar experiencias sobre diversas cuestións, como a contratación reservada a centros especiais de emprego
Viveiro, 7 de marzo de 2024. A tenenta de alcaldía de Viveiro, Míriam Bermúdez, e a técnica de Medio Ambiente de Viveiro, Antonia Prieto González, visitaron Carballo para intercambiar experiencias sobre diversos ámbitos, como o da contratación reservada a centros especiais de emprego sen ánimo de lucro e empresas de inserción social, no que o concello da comarca de Bergantiños foi pioneiro.
“O de Carballo é todo un exemplo de boa xestión municipal en múltitude de aspectos, polo que resulta moi proveitoso intercambiar experiencias sobre problemas que afectan a todos os concellos con eles, para aplicar tamén en Viveiro o que xa comprobaron que funciona”, sinalou a tenenta de alcaldía, Míriam Bermúdez.
Carballo adxudicou por primeira vez a Aspaber UTE o contrato de limpeza viaria en 2007, polo que Míriam quixo aprender máis sobre esta experiencia de cara a aplicar un modelo similar en Viveiro, recibindo todo tipo de información por parte do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e dos concelleiros desta vila responsables das áreas de Obras, Luis Lamas, e Servizos e Medio Ambiente, Miguel Vales.
Tras a reunión celebrada na Alcaldía, os membros do Goberno local de Carballo acompañáronas nun percorrido por distintos servizos municipais, con especial atención ao de recollida selectiva de residuos orgánicos e o de recollida de cartón pregado porta a porta.