Site icon Crónica3.com A Mariña

Licitado o estudo para avaliar alternativas encamiñadas á mellora do saneamento no núcleo urbano de Ribadeo

Ribadeo, 13 de marzo de 2024. Hoxe foi licitado o estudo para avaliar alternativas encamiñadas á mellora do saneamento no núcleo urbano de Ribadeo e así resolver os vertidos que se producen no porto en días de choivas intensas. O prazo de presentación de ofertas remata o 26 de abril. Ata Ribadeo se desprazaron a conselleira de Infraestruturas, Éthel Vázquez, e o xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira.

O alcalde, Dani Vega, destacou “a xestión e inversión no saneamento do núcleo urbano de Ribadeo, que resolverá eses vertidos que se producen á ría na zona do porto cando chove intensamente”.

O rexedor manifestou que “a inversión é importante desde un punto de vista medio ambiental e desde un punto de vista turístico e económico. Non podemos dicir desde as administracións que estamos a velar polo medio ambiente e permitindo que se faga esta saída de residuos á ría. Non podemos dicir tampouco con total tranquilidade que estamos a traballar polo turismo se non evitamos eses vertidos, froito do mal saneamento, nun punto turístico tan importante como é a ría de Ribadeo”.

Para Dani Vega “isto conxúgase con traballo, con xestión, con dedicación e cunha colaboración entre administracións. Anunciar hoxe un proxecto que nos vai determinar qué temos que facer nos próximos meses é moi importante. Tamén é moi importante diagnosticar e poñerlle a solución, as dúas cousas”.

O alcalde ribadense subliñou que “é moi de agradecer que Éthel nos axudara nesta inversión e hoxe anunciamos preto de 280.000 euros dun proxecto moi importante que nos poñerá unha solución moi fundamental para Ribadeo”.

A conselleira de Infraestruturas, Éthel Vázquez, dixo que “hoxe damos o primeiro paso coa licitación deste contrato de servizos para elaborar as distintas propostas alternativas e a solución definitiva, elaborar os proxectos construtivos. Estamos a falar dun investimento neste contrato de servizos de 280.000 euros. O prazo para a presentación de ofertas remata o vindeiro 26 de abril”.

E engadiu que “as obras estimadas para dar solución a esta problemática estarán arredor dos 3 millóns de euros”.

Exit mobile version